Con 82 prazas, a escola de Bembrive abrirá no próximo curso cun apoio do Concello duns 250.000 euros.
O Concello de Vigo estreará nova escola infantil municipal no novo curso 2021-2022. O goberno dirixido por Abel Caballero xa tramita o expediente administrativo para licitar e adxudicar a súa xestión, segundo trasladou hoxe martes o alcalde en rolda de prensa, co obxectivo de que as familias poidan optar a 82 vacantes en Bembrive: 16 prazas de cero a un ano, outras 26 de un a dous anos e 40 máis desde dous a tres.
O pasado 3 de decembro, o goberno vigués aprobou o convenio de aceptación coa Fundación Amancio Ortega, quen construíu o complexo e a quen o alcalde agradeceu a doazón, un “xesto que Vigo recoñece”.
Agora, a administración local viguesa prepara a documentación para sacar a súa xestión a concurso público. Segundo avanzou Caballero, o custo anual de funcionamento achegarase aos 250.000 euros.
Este ano, o Concello adica dous millóns de euros ás escolas infantís municipais, ademais de achegar outros 350.000 euros para o cofinanciamento de dous centros de titularidade da Xunta de Galicia.

