O goberno de Vigo incorpora 45,8 millóns ás contas deste ano e eleva o investimento aos 115 millóns

Abel Caballero informou este luns da tramitación do expediente para modificar o orzamento municipal de 2022 e engadir 45,8 millóns procedentes dos remanentes do Concello

O alcalde cifrou a inversión deste ano en 115 millóns, sen contar os recursos que poidan chegar de Europa

Rúbrica do alcalde para integrar 45,8 millóns de euros no gasto da administración municipal de Vigo. Caballero trasladou que vén de asinar este luns o expediente para modificar o orzamento do Concello deste 2022, dotando de recursos económicos a máis de sesenta actuacións. “Acabo de firmar a incorporación de financiamento para inversións na cidade por valor de 45,8 millóns”, subliñou.

En rolda de prensa, o rexedor deu lectura a todos os conceptos incluídos na proposta, na súa gran maioría investimentos das áreas de Fomento, mais tamén figuran accións no eido deportivo, educativo, cultural, de xardíns, transporte e patrimonio. Do total, Caballero puxo o énfase nas humanizacións, nas nove obras do Vigo Vertical recollidas, no plan de eficiencia enerxética, nos campos de fútbol, na bancada de Marcador, nas festas da cidade e nas axudas de inglés para que este ano poidan viaxar as xeracións de alumnado de Secundaria correspondentes ao 2020, 2021 e 2022.

As achegas procedentes do aforro municipal, unidas aos 40 millóns en investimentos rexistrados no orzamento do Concello deste exercicio, eleva a inversión por riba dos cen millóns, a expensas dos recursos que poidan captarse de Europa. “Este ano estaremos investindo na cidade 115 millóns de euros, sen incluír proxectos europeos. Isto non sucedeu nunca na historia da cidade. É unha cantidade de investimento inimaxinable en ningún momento, porque imos irnos a preto de 140 millóns de euros de investimento”, salientou Caballero.