O goberno de Vigo aplicará en Bouzas o sistema de recollida de lixo do Casco Vello

Anunciouno este luns o alcalde, quen explicou que os contedores se retirarán durante o día da zona histórica de vila, seguindo o modelo do Casco Vello vigués, para “mellorar, no sentido da atención, da estética, e para evitar o lixo na rúa”

Caballero asegurou que se informará aos veciños e á hostalería boucense

O alcalde afirmou que existe “moita demanda en Bouzas”, polo que “imos poñer un servizo idéntico” ao que xa funciona no Casco Vello vigués, no que diariamente os contedores se colocan a última hora da tarde e se retiran de madrugada. É unha recollida “ad hoc e especialmente deseñada” para ese entorno, que está a operar “moi ben” e conta coa “satisfacción xeral” da zona vella.

Abel Caballero valorou un sistema que supón “mellorar, no sentido da atención, da estética, e para evitar o lixo na rúa”, e avanzou que se comunicará os detalles da decisión tanto aos locais como á veciñanza boucense.