Na presentación do campus deportivo de verán do club, Abel Caballero trasladou públicamente ao presidente do Coruxo FC a intención municipal de arranxar a cuberta da bancada e afrontar a remodelación da fronte do estadio
Ademais, o alcalde anuncioulle que o Concello aumentará a súa asignación económica ao club como entidade de elite
O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, achegáronse este mércores ata o campo do Vao para participar na presentación da oitava edición do campus deportivo do club vigués, que reunirá desde o 27 de xuño a máis de seiscentos nenos e nenas nunha trintena de disciplinas deportivas distintas.
Alí, durante as declaracións aos medios, Caballero anunciou ao presidente do Coruxo FC, Gustavo Falque, que o goberno que preside traballa na reorganización dos espazos do campo do Vao e polo tanto na continuación das melloras executadas, logo de que Concello e Deputación cambiasen recentemente o terreo de xogo e a iluminación.
Segundo detallou, unhas naves próximas xa foron mercadas e darán “desafogo” á entidade, mais tamén se prevé reparar o teito da bancada da tribuna e afrontar o arranxo do outro lateral, o acceso principal ao campo, “a parte máis nobre do estadio”, en verbas de Caballero.
O goberno vigués citará ao presidente do Coruxo FC para tratar a cuestión, que incluso pode afectar ás dimensións do terreo de xogo. “Aquí xoga un gran equipo e imos estar apoiando”, manifestou o alcalde, quen valorou que “imos facer no do Coruxo unha das grandes reformas dos estadios da cidade de Vigo”.
En paralelo, Abel Caballero tamén trasladou que tratou co seu concelleiro de Deportes, Manel Fernández, a asignación económica reservada para os clubs de elite da cidade, entre os que se atopa o Coruxo. O alcalde comunicou a Falque que “somos conscientes de que temos que facer unha fórmula para que o Coruxo teña un maior apoio desde o Concello e o vai ter”.