A Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación da remodelación da vía no treito pendente de arranxar, o comprendido entre as rúas Areal e Rosalía de Castro, cun orzamento próximo aos 300.000 euros
O Concello de Vigo completará a humanización da céntrica rúa de Serafín Avendaño e iniciará en breve as obras logo da súa adxudicación este xoves na Xunta de Goberno Local. A reforma afectará á parte baixa da vía, a comprendida entre Rosalía de Castro e Areal, e contempla un orzamento próximo aos 300.000 euros.
Abel Caballero informou este mesmo xoves da decisión e fixo fincapé nas cautelas arqueolóxicas que se tomarán durante os traballos. Cun procedemento “complexo”, o alcalde explicou que a humanización conta cun proxecto arqueolóxico -ademais do visto bo de Patrimonio- e que se controlarán os movementos de terras no transcurso das obras.
O Concello remodelará Serafín Avendaño seguindo o mesmo criterio que impera no entorno, con beirarrúas de granito, nova iluminación, xardineiras, mobiliario urbano, sinalización e semaforización, ademais de cambiar as redes soterradas de saneamento e abastecemento de auga. O rexedor vigués recordou que o Concello acometeu na zona humanizacións nas rúas Areal, Rosalía de Castro e García Barbón, ademais de nas transversais: a propia Serafín Avendaño, Canceleiro, Oporto, Heraclio Botana e rúa Roupeiro.

