O Goberno de Vigo adianta o importe das becas de comedor ás familias con menos renda

O comité de seguimento, reunido este mércores.

Anunciada este mércores por Abel Caballero, a proposta vai dirixida a rendas inferiores aos 300 euros per cápita e forma parte do sexto paquete de medidas municipais contra a crise do coronavirus

Tamén de ámbito social, o Concello promove un programa de acompañamento telefónico para paliar os efectos de illamento nas persoas da terceira idade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este mércores algunhas decisións de corte social que inclúe o sexto paquete de medidas do Concello nesta crise do coronavirus. Así, o comité municipal acordou manter a beca de comedor escolar concedida aos menores e adiantar o seu importe ás familias con renda per cápita inferior aos 300 euros.

Ardan

Caballero estimou que unhas mil familias poderán acollerse a unha medida coa que o goberno local quere dar liquidez e garantir os recursos económicos para “poder facer alomenos unha comida decente ao día”, a mesma que os nenos e nenas recibían no seu comedor escolar.

O Concello de Vigo tamén porá en marcha un programa de acompañamento telefónico para que intentar minimizar os efectos do illamento nas persoas da terceira idade que viven soas, tal e como informou este mércores Caballero.

Goberno de España

O alcalde recoñeceu e saudou positivamente as medidas socioeconómicas “moi importantes” anunciadas onte polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, cifradas en 200.000 millóns de euros. Para Caballero, trátase dunha “gran mobilización de recursos económicos como nunca houbo na historia de España para atender a esta crise” e apoiar ás familias vulnerables, aos traballadores, ás empresas e á investigación. En comparación coa crise de 2008, as decisións se están a tomar “con prontitude”, asegurou.

O rexedor puxo en valor a acción estatal, actuando primeiro ante a emerxencia sanitaria e artellando agora medidas para mitigar o impacto social e económico, con 6.000 millóns para os servizos sociais -en particular para maiores e dependentes-, a garantía do servizo de telecomunicacións e a moratoria do pago das hipotecas para a poboación vulnerable.

Por último, Abel Caballero felicitou ao persoal sanitario, ás farmacias, aos servizos municipais de benestar, de limpeza e aos axentes da Policía Local e destacou o “civismo” dos vigueses e viguesas neste estado de alerta.