A Xunta de Goberno Local aprobou a subvención mediante convenio de 1.342.000 euros para a organización do “certame de deporte urbano máis importante do mundo”
O alcalde deu conta este venres da decisión adoptada na Xunta de Goberno Local de aprobar a subvención de 1.342.000 euros para a organización do Marisquiño 2025, de maneira que o goberno municipal “financia practicamente a totalidade” do festival.
Tal e como explicou Caballero, O Marisquiño é unha cita consolidada e recoñecida internacionalmente, situada no top mundial de campionatos de skateboarding, co BMX Street consolidado como unha das probas máis importantes internacionalmente, no que participan os mellores xogadores de basket 3×3, coa celebración do campionato internacional de Break Dance, descenso urbano e o campionato do mundo de Flatland (acrobacias coreografiadas sobre bicis).
“É unha forma de entender o deporte urbano que converte a Vigo na capital do mundo”, sinalou o alcalde, que mencionou o impacto do festival en redes sociais, con máis de 5 millóns de impresións en canles propias e que en 2024 sumou máis de 1,4 millóns de reproducións en Instagram ou 1,2 millóns de visualizacións en Tik Tok”.

