A xunta directiva do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda vén de aprobar a proposta definitiva de concesión de axudas da convocatoria de marzo, tras superarse o período de alegacións, para 17 proxectos da súa área de influencia (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda).

As iniciativas, nove de carácter produtivo e oito de non produtivo, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) da entidade, coa que se busca mellorar a competitividade do sector, crear emprego, aumentar o valor engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o medio e promover a cultura mariñeira.

O importe dos investimentos do conxunto dos proxectos supera o 1,1 de euros, dos cales un millón de euros son subvencionables. En canto ás axudas propostas polo GALP, estas superan os 670.000 euros. A Consellería do Mar será quen resolva a adxudicación destas axudas.

Proxectos produtivos
Os proxectos produtivos optan a percibir unha axuda que cubra entre o 50% e o 80% do investimento a realizar. Entre as iniciativas deste tipo, atopamos diversas propostas que apostan pola innovación para dixitalizar e automatizar procesos, incluíndo outros novos, e modernizar a venda de peixes e mariscos, como son as de Pesciro S.L.U, Frigoríficos de Vigo S.A, Mariscos Islas Cíes S.L.U e Cíes Artesanais S.Coop Galega.

Vinculados á posta en valor dos produtos pesqueiros, sitúanse os proxectos da Confraría de Pescadores Virxe do Carme, co que se busca mellorar e comercialización da anguía procedente da pesca artesanal; o da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballa na posta en marcha dun distintivo de calidade para o choco de Redondela; e o da Asociación de Familiares de Persoas Enfermas de Alzheimer do Morrazo (AFAMO), que queren visibilizar a riqueza dos produtos do mar para a súa exportación, en particular, as algas das nosas rías.

Así mesmo, preséntanse iniciativas moi ligadas á promoción do patrimonio do mar desde o turismo como son as referidas á adaptación dunha casa mariñeira como hospedaxe e á instalación dun apartamento flotante turístico no Porto Deportivo de Baiona, tomando como referencia as barcazas dos canais de Ámsterdam. Propostas de Estancias Pintans S.L.U e Navis Siren S.L , respectivamente.

Proxectos non produtivos
En canto ás porcentaxes de axudas aprobadas para os proxectos non produtivos, estas van desde o 90% ata o 95%. Sobre o coidado do medio mariño e quen o habita, constrúe a coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) a súa iniciativa, consistente en sumar máis recursos para continuar coa Rede de Varamentos de Galicia. Nesta liña, a Confraría de Pescadores San Juan de Redondela busca osixenar de xeito natural os bancos marisqueiros que están a perder produción.

Co obxectivo de diversificar un sector enfocado ao cultivo do mexillón na Ría de Vigo, a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas pon en marcha o proxecto Cultav, pensado para completar en catividade o ciclo de vida da Anemonia viridis, coñecida como anémona ou ortiga de mar, e desenvolver o seu cultivo en batea.

Pola súa banda, o Concello de Baiona co seu Proxecto Blue Atlantic Foro busca crear un espazo de cooperación, discusión, formación e divulgación de referencia da economía azul dende a perspectiva da cunca atlántica.

Seguindo con propostas da Administración local, o Concello de Vilaboa presenta dous proxectos pensados para dar a coñecer o seu patrimonio, as Salinas de Ulló e o Forno de Cal, o cal será rehabilitado e acondicionado.

Tamén apostan pola visibilidade do patrimonio natural incluíndo na ecuación os deportes náuticos, o Real Club Náutico Rodeira Cangas e o Club Náutico de Cobres. O primeiro deseña o iniciativa Naveganta para impulsar a presenza das mulleres nestas prácticas deportivas e poñer en valor a riqueza da Ría de Vigo. E o segundo promociona a diversidade da Enseada de San Simón, o seu marisqueo e acuicultura, e a práctica dos deportes náuticos dunha forma sostible.