O GALP Ría de Vigo-A Guarda e ABANCA poñen o foco no crédito e nos investimentos sostibles

O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Ría de Vigo-A Guarda e ABANCA dan un novo impulso ao seu traballo conxunto. As dúas entidades escenifican a súa colaboración cun novo convenio en materia financeira que inclúe novas alternativas de crédito, servizos adaptados ás súas necesidades e unha atención especializada. Un renovado marco que permite á entidade financeira e ao Grupo de Acción Local impulsar o desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura do sur de Galicia.

O presidente do GALP Ría de Vigo-A Guarda, Juan Manuel Gregorio, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, rubricaron hoxe un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co sector primario galego.

Este convenio pon o acento especialmente no crédito. Os profesionais do mar pertencentes ao GALP e os proxectos presentados a este organismo contarán con condicións melloradas na contratación de produtos de ABANCA tanto para poñer en marcha novos proxectos, como para  promover a mellora competitiva dos actuais. Ofrécense algunhas opcións como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, confirming, avais ou liñas de desconto.

ABANCA tamén ofrecerá outros produtos que pretenden mellorar a sostibilidade do sector. É o caso da hipoteca naval, que busca contribuír no proceso de renovación da frota que está vivir o sector en Galicia, coa substitución por embarcacións máis eficientes o por tanto cunha menor pegada no medio ambiente.

O texto tamén inclúe os seguros personalizados para este colectivo. Do mesmo xeito, desde as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través de convenios oficiais que a entidade mantén con ICO, Igape e as SGR galegas.

O GALP Ría de Vigo-A Guarda naceu no ano 2008 co obxectivo de colaborar na gobernanza da súa zona de actuación, que abarca once municipios da costa pontevedresa. O grupo participa activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira e serve de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da área. ABANCA conta cun especial compromiso co sector pesqueiro, logo da creación en 2016 de ABANCA Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva e que conta coa experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.