O Galp Ría de Vigo – A Guarda aproba 11 proxectos de gran importancia para o territorio

A vindeira convocatoria de axudas abrirase a principios do ano 2024

O GALP da Ría de Vigo – A Guarda, organismo colaborador da Consellería do Mar e encargado da xestión do programa FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura) 2021-2027 no seu territorio (integrado polos concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Cangas) ven de dar luz verde na súa última convocatoria á financiación de 11 proxectos de carácter dinamizador, o que suporá un gran impulso económico e social para esta zona.

Entre as propostas aprobadas, o sector pesqueiro é o máis favorecido e representado. Os promotores destos proxectos son variados, dende Concellos ata Cofradías de Pescadores, pasando por outras entidades de interese común e empresas privadas.

Respecto ás ideas seleccionadas, destacan propostas tan interesantes coma a Rehabilitación das carpintarías de ribeira da Seara (Concello de Moaña) para uso museístico e cultural, e un proxecto terapéutico para persoas con Alzheimer pertencentes ao sector pesqueiro do Morrazo, empregando a música e os traballos colaborativos como fórmulas para loitar contra esta enfermidade.

Outros proxectos que conseguiron financiación do GALP son a creación dun espazo de formación, cooperación e divulgación sobre a economía azul chamado Blue Atlantic Foro, a construcción de tres Apartamentos turísticos sostibles involucrados con todo o tecido pesqueiro de A Guarda, e ideas relacionadas coa mellora de canais de comercialización e de procesos de xestión e organización interna. Tamén se subvencionarán outras  inversións como a instalación dunha báscula para camións ou a adquisición dun  vehículo isotérmico. Coa captación destos proxectos, péchase unha convocatoria que contou cun orxamento cercano ao millón e medio de euros, o que unha vez máis volve a poñer en valor a importancia desde organismo na economía galega. Próximamente se abrirá un novo período de presentación de proxectos, e namentres os interesados xa poden recibir asesoramento para que as súas ideas se adecúen o máximo posible á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) que rixe os criterios de concesión de axudas. Para  máis información, pódese contactar co GALP Ría de Vigo – A Guarda, na Avenida de Beiramar, 49, Vigo (Pontevedra), no correo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal ou telefónicamente nos números: 986 358 109/646 873 106.