O GALP da Ría de Vigo-A Guarda ofrece asesoramento a persoas e entidades interesadas en desenvolver un proxecto relacionado co mar no seu territorio

A 1ª convocatoria de axudas dos Fondos FEMPA remata o 26 de outubro deste ano, pero haberá novas convocatorias de xeito anual polo que as persoas interesadas poden ir asesorándose co GALP de cara a perfilar a súa idea

O GALP da Ría de Vigo-A Guarda, organismo colaborador da Consellería do Mar e encargado da xestión do programa FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura) 2021-2027 no seu territorio (que abrangue os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Cangas) lembra que o 26 de outubro finaliza o prazo para a solicitude de axudas desta 1ª convocatoria de fondos FEMPA.

Os fondos FEMPA están orientados á promoción da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Son unha oportunidade para que o sector pesqueiro se desenvolva e modernice. Tamén resultan importantes para contribuír á diversificación económica e para protexer o patrimonio medioambiental e cultural do territorio ao que están dirixidas estas axudas. 

Poden ser beneficiarias das axudas persoas particulares, empresas e tamén entidades públicas coma concellos, confrarías de pescadores e outros organismos que teñan relación co mar.

Aínda que a vindeira semana finaliza esta primeira remesa de axudas, as vindeiras convocatorias serán anuais, polo que as persoas ou entidades que desexen promover un proxecto relacionado co mar no seu territorio, poden acudir ás oficinas do GALP Ría de Vigo-A Guarda para asesorarse de cara a sacar adiante a súa idea.

Á hora de ter en conta os proxectos susceptibles de converterse en realidade, entre outras variables valoraranse positivamente criterios coma a creación de emprego, a inclusión social ou a igualdade de xénero, o que podería contribuír á consecución da maior subvención posible. Para máis información, pódese contactar co GALP Ría de Vigo – A Guarda, na Avenida de Beiramar, 49, Vigo (Pontevedra), no correo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal ou telefonicamente nos números: 986 358 109/646 873 106.