O filme ‘Reboiras. Acción e corazón’ chega a Vigo

A longametraxe documental ‘Reboiras. Acción e corazón’, dirixida por Alberte Mera chega aos cinemas de Vigo, Vilagarcía, Ribeira, Carballo e Pontevedra, logo do éxito colleitado en Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense

Do 24 ao 27 estará nas pantallas da Praza Elíptica de Vigo

O filme ‘Reboiras. Acción e corazón’ chega aos cinemas de Vilagarcía, Vigo, Carballo, Ribeira e Pontevedra, logo da súa boa acollida nos cinemas Duplex de Ferrol e Numax de Compostela, onde xa superou un mes de proxeccións continuadas completando a maioría dos días a capacidade das salas. O cariño do público cara a esta longametraxe documental dirixida por Alberte Mera (Vigo, 1987) trasladouse tamén a Ourense, onde se proxectou de man do Cineclube Padre Feixoo e ao cinema Codex de Lugo. Actualmente estase a proxectar na Coruña, mais xa se esgotaron todas as entradas para os vindeiros oito vindeiro pases, superando así e tan só na cidade herculina o medio millar de espectadores.

Os multicines Gran Arousa de Vilagarcía serán a primeira parada do filme nesta semana. Proxectarase venres 18 e o domingo 20 de setembro ás 20.15 horas. O 18 tamén se poderá ver en Vigo, nunha exhibición especial no Festival Primavera de Cine. Pese a que as entradas están esgotadas, o documental proxectarase tamén nos cinemas da Praza Elíptica da cidade olívica o 24, 25, 26, e 27 de setembro ás 21.30 horas.