O evento estival que ten lugar na terraza do Auditorio Mar de Vigo supera o medio centenar de actuacións coa incorporación de Cimafunk, Muñoz e unha dobre sesión con El Twanguero e Desvariados, todos no mes de agosto

Coas novas citas anunciadas este luns, o TerraCeo suma o hip hop cubano de Cimafunk, que visitará a cidade o 6 de agosto, unha dobre sesión coa guitarra da El Twanguero e o rock de Desvariados (o 8 de agosto) e rock dos vigueses Muñoz, o 28 de agosto en sesión vermú. As entradas para estes concertos xa están á venda en www.teuticket.com

Segundo indica a organización do festival, Cimafunk é un artista internacional cun estilo que vai desde o soul ata a música urbana. Bendicido no 2019 pola prestixiosa revista Billboard como artista latino a seguir, esgotou entradas en México, Europa e Estados Unidos, incluídos concertos no Central Park e no Madison Square Garden. Con Twanguero chega ao Mar de Vigo unha velada de guitarra e esencias rock, galardoados polos Grammy latinos por unha das súas colaboracións con El Cigala. Desvariados é un grupo de rock contundente que comparte produtor con Loquillo e Muñoz é unha banda local que achega diversión e incorpora músicos consagrados.

Cos novos artistas anunciados, o TerraCeo alcanza os 51 concertos e, con 26.500, practicamente duplica as localidades ofertadas na edición do ano pasado, a primeira do festival. Na súa oferta cultural e musical, destaca a programación de 18 artistas vigueses e 24 galegos.