O Mosteiro de Oia acollerá, entre as 19:00 e as 21:00 horas, o Concerto das Donas, cun repertorio con obra de mulleres compositoras do Renacemento e do Barroco; ademais de actividades de divulgación do patrimonio histórico, cultural e natural
O festival Sinsal SON Estrella Galicia pechará a súa edición de 2023 como iniciou o evento o pasado mes de xullo en San Simón: coasentradas esgotadas. O vindeiro martes, 29 de agosto, o Mosteiro de Oia acollerá a presentación do novo Escenario Océano x FEST Galicia, unha xornada que incluirá un concerto de música clásica da man do ensemble As Donas e a posibilidade de participar en actividades paralelas de descubrimento e interacción co patrimonio histórico, cultural e natural, como son unha visita guiada ao propio mosteiro -o único situado á beira do Atlántico do mundo-, ou mesmo unha experiencia inmersiva 360º ao mundo submarino da ría de Vigo grazas á realidade virtual. As entradas, que saíron á venda o luns 21, esgotáronse na mañá deste xoves 24 de agosto.
A presentación do Escenario Océano x FEST Galicia, a modo de epílogo, tenderá pontes entre a edición de 2023 e a de 2024 do Sinsal SON Estrella Galicia, ao poñer en valor tanto o talento feminino coma o patrimonio histórico e cultural do propio Mosteiro de Oia (cuxas actividades culturais promove a Fundación Bretal), declarado BIC ao igual que San Simón.
A xornada do martes 29 comezará ás 19.00 horas. A primeira parte da xornada será unha actividade divulgativa, que o público puido escoller á hora de adquirir a súa entrada. Por unha banda, celebrarase unha visita guiada ao propio Mosteiro de Oia, duns 45 minutos, na que se farán tres paradas (Praza de Armas, Claustro e Patio das Laranxeiras). Pola outra, terá lugar unha unha introdución ao mundo submarino da ría de Vigo dun xeito novidoso, accesible e minimamente intrusivo, grazas ás lentes de realidade virtual, da man da cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño 13 GRADOS.
O broche dourado será o Concerto das Donas.O ensemble conformado por por Pilar Moráguez, Marta López, Elena Vázquez e María José Pámpano ofrecerá un repertorio con obras de destacadas compositoras dos séculos XVII e XVIII, como Francesca Caccini, Isabella Leonarda, Bárbara Stroozi ou Élisabeth Jacquet de La Guerre. Con este Concerto das Donas, Sinsal SON Estrella Galicia pechará a edición de 2023 poñendo en valor non só un rico patrimonio artístico, senón o papel das pioneiras na profesionalización da muller no eido da música.

