Showcookings, cociña vexetariana e música con froitas protagonizan a nova liña do festival
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará do 25 ao 27 de xullo na illa de San Simón, aposta este ano por unha programación paralela centrada na sostibilidade e a economía circular, coa incorporación da nova iniciativa A cociña Sinsal.
Durante os tres días do festival, haberá demostracións de cociña en directo con produtos de proximidade e obradoiros para todas as idades. O programa inclúe showcookings de Begoña Vázquez (Verín), Xesús Mazaira (Airas Moniz) e Arián Lorenzo (Gondomar), que elaborarán pratos sostibles coa colaboración de empresas como Aceites Abril, Puramel ou Porto Muíños.
Música feita con froitas e verduriñas
Como peche, o artista Juanma Lodo impartirá o obradoiro Do, re, Bip, no que o público infantil poderá crear música con froitas e verduras, combinando arte, educación e sustentabilidade.
O festival conta co apoio de Agadic e a Deputación de Pontevedra e está recoñecido como unha das iniciativas culturais máis comprometidas a nivel estatal con políticas innovadoras en igualdade e medio ambiente.

