O Festival de Cans presenta a súa imaxe gráfica e anuncia unha retrospectiva internacional

Durante a presentación anunciáronse algúns dos contidos do festival deste ano que contará cunha retrospectiva internacional dedicada a prestixiosa produtora francesa Société Acéphale

O Festival de Cans presentou hoxe na sala Riquela Club de Santiago a súa imaxe gráfica para a edición XXI do certame, que terá lugar entre o 21 e 25 de maio. A imaxe do festival para este ano foi deseñada por Pablo Rodríguez, do equipo de Rei Zentolo. A presentación de hoxe asistiron a presidenta da Asociación Arela de Cans, Keka Losada, a señora Alicia, veciña de Cans, o deseñador de Rei Zentolo, Pablo Rodríguez e o director do festival, Alfonso Pato. Tamén asistiu a actriz Sara Casasnovas, que nesta edición presentará na sección “A que andas”, o proxecto do filme “Alevosía”, que será o seu debú na longametraxe.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Durante a presentación anunciáronse algúns dos contidos do festival deste ano que contará cunha retrospectiva internacional dedicada a prestixiosa produtora francesa Société Acéphale, que toma o seu nome da revista de filosofía radical de Georges Bataille e foi fundada en 2015 por Lorenzo Bianchi e Anthony Lapia, estudantes da Universidade Paris 8.

Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo, explicou que para a realización da imaxe gráfica do festival inspirouse nos elementos máis característicos do evento como son o Torreiro das Estrelas, os chimpíns, o Can ou o galiñeiro. Ademais, faise unha referencia ao símbolo da paz “tan necesario, por desgraza, nestes días de guerra en lugares como Ucraína ou Gaza” e a estética está inspirada nas cerámicas de Sargadelos “que sempre foi unha empresa de referencia para Rei Zentolo”.

Pola súa banda, o director do festival, Alfonso Pato, explicou que un dos puntos fortes desta edición será a retrospectiva dedicada á produtora francesa Société Acéphale, coa estrea de curtas e longametraxes en Cans e a presenza de distintos directores e produtores vinculados a Acéphale que virán a Cans e participarán en diversos encontros co público e con realizadores galegos. Tamén destacou que este ano houbo un récord de curtas presentadas a concurso, con máis de 250, e que entre as actividades do festival desta edición haberá unha homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera no galiñeiro que levará o nome deste artista que tivo una actuación histórica en Cans hai dez anos.

A señora Alicia explicou que ten moitas ganas de asistir ao festival este ano para ver aos seus amigos e os organizadores do festival indicaron que farán todo o posible para facer realidade o seu sono. Sara Casasnovas anunciou que en Cans poderá verse por primeira vez o teaser da súa futura longametraxe Alevosía, un ambicioso proxecto híbrido entre ficción e documental, baseado nunha historia persoal e que será “unha mistura entre Frankenstein e Cabaret”.

A retrospectiva sobre as producións de Société Acéphale, a máis ambiciosa da historia de Cans, terá unhas sesións previas ao inicio do festival que se celebrarán o xoves 16 e o sábado 18 de maio no Centro Cultural do Porriño, onde se proxectarán dúas longametraxes da productora. Xa durante o festival haberá diversas sesións de proxeccións das curtas realizadas pola produtora francesa e charlas e coloquios con destacados representantes de Acéphale.

Société Acéphale é unha das produtoras francesas con maior proxección internacional, con presencia nos festivais máis importantes, e curtas e longas premiadas nos certames cinematográficos de maior prestixio. A retrospectiva que poderá verse en Cans e a primeira que se celebra en España e no mundo e inclúe unha selección de obras en formato curto e longo de diversos xéneros e estilos. Ficción, documental de creación e cinema experimental son algún dos exemplos desta cinematografía caracterizada por unha estética poderosa e unha forte componente política.

Seis curtas e dúas longametraxes de Acéphale

A selección inclúe seis curtametraxes e dúas longametraxes, dos cales 4 serán estreas en España e 3 en Galicia. As longametraxes poderán verse na Casa de Cultura do Porriño en sesión que terán lugar o xoves 16 e o sábado 18 de maio, ás 18:00 horas e con entrada libre. Durante o festival haberá dúas sesión retrospectivas nas que se exhibirán as curtas, con asistencia de actores e realizadores vinculados a Acéphale.

Entre as pezas que poderán verse en Cans atópanse Le Petit, de Lorenzo Bianchi, protagonizado polo actor Paul Blain e pola cineasta Valérie Massadian -protagonista do foco na edición de 2023-, e premiado coa Mellor Fotografía en Clermont Ferrand, entre outros premios. É un poderoso relato inspirado na infancia de Georges Bataille.

Da cineasta Camille Degeye poderemos ver dous dos seus traballos, Journey through a body, seleccionado na Semana da Crítica de Cannes e premio á Mellor Película no Festival de Vilnius, e Almost a Kiss, Gran Premio André S. Labarthe no Festival Côté Court e Gran Premio no Festival Silhouette. Ámbolos dous foron creados co colectivo de cinema analóxico L’Abominable. Do cofundador da compañía, Anthony Lapia, veremos a curta Panda, suxerinte filme de graduación da prestixiosa escola de La Fémis, e a longametraxe After, un dos títulos máis estimulantes da pasada temporada, estreado na sección Panorama da última Berlinale

En Cans estarán presentes Anthony Lapia, Lorenzo Bianchi, Camille Degeye, Eliza Muresan, Matthew Barton e Natalia Wiszniewska -produtora artística, actriz e directora colaboradora en After de Anthony Lapia-, para falar das súas películas e dos seus modos de traballo, nos que a miúdo uns e outros intercambian os distintos roles da produción audiovisual: dirección, guión, montaxe, etc.