O seu proxecto é unha aplicación para asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos

Por segundo ano consecutivo, o equipo que representa á Universidade de Vigo clasifícase para a final de Vodafone Campus Lab, un programa de formación online onde estudantes de diferentes disciplinas traballan en equipo para crear solucións a retos de innovación. O grupo, formado por alumnado dos graos de enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Organización Industrial, compite cun proxecto dunha aplicación de móbil para asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos.

Baixo o nome de Somos Opopona, collendo un termo que significa camiño no idioma yoruba, o equipo da Universidade de Vigo está formado por Sergio Arcay, Andrea Busto, Pablo Cachafeiro, Marcos Cordeiro, Roi Martínez e Javier Rey, estudantes do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Alfonso Castro, alumno do Grao de Enxeñaría en Organización Industrial, da Escola de Enxeñería Industrial.

Como coordinador do equipo está Manuel Caeiro, docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática. Eles e elas decidiron presentarse a esta iniciativa tendo en conta como, explican, “a experiencia de traballar nun proxecto real, fóra do ámbito académico, non é algo que poidamos experimentar habitualmente”. Así, subliñan desde o equipo, o programa non só lles dá a oportunidade de “medirse cun proxecto real” senón tamén de “lanzar a nosa idea ao mercado coa axuda de Vodafone”.

Sobre o proxecto que desenvolven no marco de Vodafone Campus Lab, que nesta edición conta coa participación de 26 universidades españolas, desde Somos Opopona indican como a aplicación para móbil deseñada, chamada Optemis, pretende, empregando big data, tecnoloxías de xeolocalización en interiores e procesado de imaxe, guiar ao usuario con discapacidade visual á súa porta de embarque en aeroportos, empregando as rutas menos transitadas. Tamén, engaden, ofrece axuda para localizar a equipaxe e para atopar outros servizos dentro das instalacións. 

Metodoloxías innovadoras

Segundo explica Manuel Caeiro, o desenvolvemento do programa tivo dúas fases. Nunha primeira, que abarcou de outubro e decembro de 2019, os membros do equipo definiron o problema e propuxeron a súa idea. “Para iso seguiron principalmente a metodoloxía design thinking na que se prima a empatía coas persoas que teñen o problema para involucrarse nel, mellorar a motivación e identificar posibilidades de solucións innovadoras, tendo en conta os problemas específicos dun perfil de persoas”, detalla o titor do equipo da Universidade de Vigo. Na segunda fase, entre xaneiro e marzo o traballo centrouse principalmente no desenvolvemento dun prototipo que amosase a idea do equipo. “Para iso baseáronse na metodoloxía lean startup, que é unha metodoloxía para o desenvolvemento de ideas innovadoras”, apunta Manuel Caeiro, lembrando como para levar a cabo estas metodoloxías as e os estudantes tiveron formación no marco de Vodafone Campus Lab. 

Os membros do equipo sinalan como “esta experiencia permitiunos achegármonos a un proxecto real, nas súas fase de ideación, deseño, desenvolvemento e venta. Grazas aos coñecementos impartidos polos membros de Vodafone Campus Lab e aos expertos que nos axudaron en distintas etapas da experiencia, aprendemos como enfrontarnos a este tipo de retos, dende todos os puntos de vista necesarios”. Estas aprendizaxes, subliñan as e os estudantes, “non son individuais, senón que o esforzo colectivo de todo o equipo axudounos a pensar e traballar doutra forma, pasamos dun grupo de amigos e compañeiros a un equipo de alto rendemento preparado para afrontar retos e propor novas ideas como axentes de cambio”.

A final 

Unha vez alcanzada a final, desde Somos Opopona sinalan como chegar a ela “sempre supón unha grande inxección de autoestima e é unha recompensa ás horas de traballo que dedicamos na realización do proxecto, aínda máis cando estivemos compaxinando esta actividade coa actividade docente habitual dentro carreira”. Con este resultado, engaden, “tamén queremos inspirar e animar a toda a comunidade universitaria de cara a aventurarse na participación de novas experiencias á par das carreiras universitarias. Creemos que o feito en si de compaxinar outras formacións ou actividades durante o curso é unha experiencia enriquecedora para todos e non fai falla chegar a finalista para sacarlle proveito”. 

Na final, con data aínda por coñecer, os equipos finalistas farán unha presentación do seu proxecto, explicando en que consiste, cal é o seu fundamento técnico e o uso que fai das novas tecnoloxías das que dispón Vodafone, que efectos positivos agardan acadar na mellora da vida das persoas destinatarias e que comercialización se podería facer. “Coido que podemos mellorar o resultado do ano pasado no que finalmente quedamos en terceira posición”, indica Manuel Caeiro, lembrando como “agora xa coñecemos mellor cales son os obxectivos e os criterios do programa”.

Pola súa banda, os membros do equipo da Universidade de Vigo sinalan como “de cara á final, as esixencias que nos propoñemos son elevadas” xa que, subliñan, “queremos facer saber que os enxeñeiros non só temos coñecementos técnicos dentro dos nosos sectores, senón que tamén somos capaces de xuntarnos para afrontar retos de diversa índole e así demostrar a nosa implicación e o elevado grado de calidade do noso traballo”. O xurado da final será persoal directivo de alto nivel de Vodafone e o premio para o equipo gañador será ata 10.000 euros para desenvolver o seu produto/servizo e tres meses de mentorización de profesionais de Vodafone.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí