O emprego de nanopartículas de ouro nas lentes de contacto protexe o ollo das radiacións

Tamén poderían empregarse para administrar medicamentos e diagnosticar enfermidades

O emprego de nanopartículas de ouro nas lentes de contacto protexe o ollo das radiacións nocivas, desde aquelas que emiten os punteiros láser e que acostuman empregarse nos estadios de fútbol ou nos concertos, ata a propia luz solar. Así o demostraron algúns dos últimos estudos publicados polo grupo de investigación TeamNanoTech, liderado por Miguel Correa, un equipo especializado no deseño e síntese de nanomateriais para o desenvolvemento de novas aplicacións, así como na súa implementación en todo tipo de dispositivos.

“As nanopartículas que incorporamos na lente permiten protexer o ollo porque absorben as luces intensas e evitan que se produzan danos”, explica Correa, quen na actualidade exerce tamén como director do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio. Correa fai fincapé en que o principal avance con respecto ás actuais lentes que hai no mercado é que estas nanocápsulas permiten absorber a luz en todo o espectro visible e infravermello, en lugar de só bloquear unha cor específica que podería estar asociada cun determinado láser. “Isto supón que toda esa luz que non ves, pero que diariamente te está danando a vista, non chegaría nunca a retina porque sería absorbida, reducindo así todos os posibles efectos adversos das fontes intensas de luz”, subliña o investigador.

Sen prexudicar a visibilidade

Os resultados desta investigación foron publicados na revista Applied Materials Today nun artigo no que as e os investigadores –pertencentes ás universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Rovira i Virgili de Tarragona, xunto con persoal do Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga e do Instituto Catalán de Estudos Avanzados- describen este novo material e o xeito no que absorbe a luz sen que isto prexudique a visibilidade. 

Para facer as nanocápsulas, primeiro recubriron as perlas de poliestireno con nanopartículas de ouro e logo con sílice. Posteriormente, eliminaron esas perlas calcinándoas en condicións controladas para, xa despois, empapar as nanocápsulas nunha solución que contiña ións de ouro. O obxectivo era facer medrar as nanopartículas dentro das capas de sílice, o que mellora a súa capacidade para absorber a luz.

Con respecto á posibilidade de que estas lentes cheguen ao mercado os investigadores consideran que tecnoloxicamente é algo moi factible, se ben o único inconveniente podería ser o comercial, no sentido de que haxa por parte da industria interese económico en sacalo adiante.