Nestes días está a levarse a cabo o derribo da coñecida «casa vermella» de Puxeiros, situada na avenida Puxeiros-Tameiga nº 35. Trátase dun edificio construído no ano 1949, que durante máis de sete décadas formou parte da vida social, comercial e residencial en devandito núcleo municipal.
Ao longo da súa historia, a casa acolleu distintos usos que a fixeron especialmente representativa: foi vivenda familiar, espazo comercial, almacén e mesmo aparcadoiro. O seu volume e localización estratéxica convertérona nunha referencia visual para xeracións de veciños e veciñas, marcando unha das principais entradas ao concello.
A demolición deste inmoble inscríbese no marco do ambicioso proxecto de humanización das avenidas de Puxeiros e Rebullón, que ten como obxectivo a transformación integral da zona. A primeira pedra deste proxecto colocouse o pasado 1 de xullo nun acto institucional no que participaron representantes do Concello de Mos, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.
«A casa vermella foi testemuña de toda unha época que xa forma parte do pasado de Mos. Hoxe, coa súa desaparición, abrimos a porta a un futuro máis accesible, moderno e pensado para as persoas», afirma a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. «Este derribo é moito máis ca unha obra: é un símbolo da transformación que estamos a impulsar para facer de Mos un concello máis habitable e próspero».
O proxecto de humanización da zona contempla a remodelación de 170 metros da Avenida de Puxeiros e 125 metros da Avenida do Rebullón, a humanización da rotonda dos Bois, a creación de beirarrúas accesibles, zonas verdes, xardíns e mobiliario urbano novo, a ampliación da calzada ata 7,5 metros e dobre carril nos accesos á rotonda, o soterramento das redes de iluminación pública e telefonía e unha nova rede de pluviais.

