Aprobou hoxe, a proposta do Servizo de Inspección, recoñecer a dedicación do maxistrado, a letrada e o persoal de Primeira Instancia número 11
Destaca a súa implicación e compromiso como claves para prestar “un servizo público de calidade”
O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) aprobou hoxe, a proposta da Sección de Inspección, recoñecer o labor do maxistrado do Xulgado de Primeira Instancia número 11 de Vigo, Miguel Ángel Comesaña Álvarez, da letrada da Administración de Xustiza, María del Mar Pino Pérez, e dos membros da oficina xudicial, grazas o cal o órgano rexistra uns tempos de resposta “reducidos” e unha baixa pendencia.
A Comisión Permanente do CXPX deu o visto e prace na reunión que mantivo hoxe á distinción de todo o persoal do xulgado pola dedicación ás súas funcións, pois, a pesar de que o ingreso de novos procedementos supera o indicador de entrada fixado polo CXPX -1.200 asuntos- “de maneira notable” desde 2021, o nivel de resolución “está en números moi elevados, superando sobradamente o indicador e cun incremento exponencial desde 2021 (210 %) ao primeiro trimestre do 2024 (302 %)”. En 2023 o Xulgado de Primeira Instancia número 11 de Vigo ingresou 1.762 asuntos, resolveu 1.698 e deixou en trámite 503.
Ademais, o CXPX destaca que o nivel de finalización de asuntos do xuíz supera o indicador de resolución previsto “de modo excepcional”, pasando do 193,9 %, en 2021, ao 278,9 % no primeiro trimestre de 2024. “É precisamente o elevado nivel resolutivo do maxistrado, co consecuente sobreesforzo, o que permitiu ao xulgado ter unha pendencia de declarativos sensiblemente inferior á media do partido xudicial”, indica o Servizo de Inspección, á vez que destaca o seu “nivel de implicación e compromiso para a resolución dos asuntos no menor tempo posible”, o que permite “prestar un servizo público de calidade, a pesar das difíciles circunstancias nas que con frecuencia debe desenvolver o seu traballo”.
En canto aos membros da oficina xudicial, o CXPX recoñeceu o labor de Teresa de Jesús González Ramilo e Eva María Fernández Quintela, do corpo de xestión; de María de la Cruz Álvarez López, Antonio Pacheco Fernández, Óscar Fernández Díaz, María Elena Álvarez Díaz e Carlos Rivero Pazos, de tramitación; e de Mónica Hentschel Méndez, do corpo de auxilio, “polo labor realizado, o elevadísimo nivel de rendemento, os reducidos tempos de resposta, así como a encomiable implicación na prestación dun servizo público da maior calidade posible”.
O CXPX acordou comunicar a distinción realizada ao maxistrado, a letrada e ao persoal da oficina ao Servizo de Persoal Xudicial, ao Ministerio de Xustiza e á Consellería de Xustiza para que se deixe constancia nos seus respectivos expedientes persoais.

