O Cunqueiro dispón da tecnoloxía máis avanzada para tratar aos menores con diabetes

As novas técnicas buscan evitarlle aos nenos as múltiples picadas que tiñan que realizarse para medir a glicemia en sangue, mellorando asi a súa calidade de vida

Con motivo do Día Mundial da Diabetes que se conmemora o próximo día 14 de novembro, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia) inaugurou a exposición “GRAfeeling” de Sanofi, na entrada de consultas externas de Pediatría do Alvaro Cunqueiro.

A mostra está composta de 10 obras plásticas realizadas por adolescentes con diabetes. A adolescencia é unha etapa da vida na que suceden moitos cambios e para aqueles que padecen diabetes, estas alteracións implican retos específicos para aceptar e controlar adecuadamente  a súa enfermidade.

As obras foron realizadas nuns obradoiros dirixidos por psicólogos e artistas do graffiti nos que os rapaces pintaron con spray aqueles sentimentos e emocións que mellor representaban a súa enfermidade: ira, alegría, confianza, preguiza, ansiedade, medo ou tristeza…

Aposta pola tecnoloxía

A Unidade de Diabetes Infanto-Xuvenil do Hospital Alvaro Cunqueiro está composta por un Pediatra especialista en Endocrinoloxía infantil e un enfermeiro educador. No momento actual,  atenden a 150 nenos e nenas menores de 16 anos con diabetes tipo 1.  Anualmente diagnostícase entre 15 e 20 novos casos na Área Sanitaria de Vigo.

Segundo afirma o responsable da Unidade, Jose Luis Chamorro “nos últimos anos, o manexo da diabetes ten experimentado grandes avances tecnolóxicos, e o SERGAS realizou unha importante aposta neste eido co obxecto de axudarlles no control da enfermidade así como mellorar a  súa calidade de vida e a dos seus coidadores.”

A día de hoxe, todos os pequenos pacientes do CHUVI dispoñen de motorización de glicemia; isto é, con sensores implantados no pel que lles permiten realizar todas as medicións de glicosa que desexen sen necesidade de picarse.  Este dispositivo almacena esas medicións, coa data, hora, e resultado dese control; tamén conta cun sistema de alarmas de xeito que os pacientes, os seus coidadores e os profesionais sanitarios dispoñen de toda esa información en tempo real, permitíndolles tomar decisións en canto aos tratamentos.

Bombas de insulina

Todos os menores con diabetes son pacientes crónicos, dependentes da insulina, polo que necesitan inxectarse esta hormona entre 4 e 6 veces ao día.

Actualmente ofértase a posibilidade de utilizar os  infusores subcutáneos continuos de insulina, as chamadas bombas de insulina. “Temos un terzo dos nosos pacientes con estes dispositivos. Trátase dun sistema que regula e administra a cantidade da insulina de xeito automático tras a integración dos valores de glicemia obtidos polo sensor. Así, se o sistema prevé ou detecta que o paciente vai presentar unha hipoglucemia, suspende a infusión de insulina, mentres que se está en hiperglicemia pode incrementar a dose a administrar”, explica o doutor Chamorro.

Outras novidades

Os novos dispositivos de administración de insulina permiten dosificar pequenas doses de medicación  e utilizan insulinas que actúan dun xeito máis fisiolóxico.

Un dos tratamentos máis novidosos é o Glucagón intranasal, un spray  nasal  para que no caso de que un paciente sufra unha perda de conciencia por hipoglicemias grave poida tratarse dunha maneira sinxela.  “No momento actual  todos os nenos e nenas con diabetes levan o Glucagón nas súas mochilas, e é moi importante que  o persoal dos centros educativos e as familias coñezan o uso axeitado deste tratamento”

Papel da Atención primaria  

A diabetes é unha enfermidade do metabolismo caracterizada polo déficit de insulina que segrega o páncreas, ou ben pola súa ineficacia. Maniféstase por niveis elevados de glicosa en sangue que se traduce en signos clínicos que poden facer sospeitar esta enfermidade, como pode ser que o paciente ouriñe en exceso, ou unha elevada inxesta de auga e de alimentos acompañada de perda de peso.

Os facultativos dos centros de saúde da Área de Vigo están moi alerta destes signos. “Aínda que o seguimento e manexo destes pacientes se centralice no ámbito hospitalario,  o papel dos médicos de atención primaria é fundamental na abordaxe desta patoloxía, xa que grazas aos diagnósticos precoces que realizan, os nenos e nenas que chegan ao hospital presentan moi pouco tempo da evolución da enfermidade, polo que é mais doado o seu control e evítanse ingresos hospitalarios na UCI pediátrica”.

Ademais da diabetes tipo 1 existe a de tipo 2 (de adultos), que vai asociada á obesidade, o sedentarismo e estilos de vida non saudables, e cuxo seguimento se realiza nos centros de saúde.