O Consello de Goberno aproba a oferta pública de emprego da UVigo para 2023: 160 prazas de PDI e 14 de PAS

Na sesión tamén se abordou a modificación do regulamento de prácticas externas do estudantado

O reitor, no seu informe, avanzou que a atención psicopedagóxica está garantida nos tres campus

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, na sesión ordinaria celebrada este mércores, deu o visto bo ás ofertas de emprego público de 2023 tanto do persoal docente e investigador como do persoal de administración e servizos. En concreto para o primeiro colectivo aprobáronse 160 prazas e para o segundo 14, unhas ofertas para cuxa execución a institución conta cun prazo de tres anos. Nesta xuntanza, o órgano colexiado tamén aprobou, entre outros temas, unha modificación do regulamento das prácticas externas para adaptarse así ao Real decreto-lei 2/2023 que entrará en vigor en xaneiro e que establece a inclusión no sistema da Seguridade Social do alumnado que realice prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación. Ademais, no seu informe o reitor, Manuel Reigosa, avanzou as novas medidas nas que se está a traballar e que garanten a atención psicopedagóxica para o alumnado nos tres campus.

Unha oferta de emprego público do PAS integrada por 14 prazas

Logo da negociación entre a Xerencia da Universidade de Vigo e os órganos de representación do PAS (Xunta de Persoal Funcionario e Comités de Empresa de Ourense e Pontevedra), concretouse unha oferta de emprego público do persoal de administración e servizos (PAS) para o ano 2023 composta por 14 prazas, todas elas incluídas na respectiva relación de postos de traballo (RPT) do PAS resolución de 02 de decembro de 2021. A proposta foi presentada no Consello de Goberno pola xerente da UVigo, Yolanda Lesmes, que detallou que oito das prazas corresponden ao subgrupo A1: dous técnicos superiores en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, subescala Informática; dous técnicos superiores de Apoio á Docencia e Investigación, subescala Microscopía Electrónica; un técnico superior de Apoio á Docencia e Investigación, subescala Análise instrumental; un técnico superior de Apoio á Docencia e Investigación, subescala Xenómica; un técnico superior de Servizos Xerais, subescala Emprego e Emprendemento e outro técnico superior de Servizos Xerais, subescala Riscos Laborais. Outras catro prazas corresponde ao subgrupo A2: un técnico medio de Apoio  Docencia e á Investigación, subescala Actividades Aeroespaciais e tres técnicos medios en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, subescala Informática. Completan a oferta unha praza no subgrupo C1 de técnico especialista de Servizos Xerais, subescala Transporte e Distribución e outra do subgrupo C2 de auxiliar técnica de Servizos Xerais, subescala Deportes.  

Destas 14 prazas, catro resérvanse para promoción interna (A1 Informática e A1 Riscos Laborais e dúas prazas A2 da subescala Informática) mentres que outras nove serán de acceso libre e unha última forma parte da cota de reserva para persoas con discapacidade, en concreto unha das dúas prazas A1 de Microscopía Electrónica.

Neste punto interveu Anabel González Penín, como representante do PAS, para poñer de manifesto que considera esta oferta “insuficiente”, ao non recoller “as necesidades reais da administración nestes momentos na UVigo”. Finalmente a oferta aprobouse con 31 votos a favor, dous en contra e unha abstención.

160 prazas na oferta de emprego público do PDI

No que respecta á oferta de emprego público do PDI para 2023, a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, detallou que, tal como se acordou cos traballadores na mesa de negociación e aplicando unha taxa de reposición do 120% a proposta comprende 50 de profesorado titular de Universidade e 80 de profesorado permanente laboral, ás que hai que sumar 30 prazas de promoción interna de catedrático, chegando así ás 160 prazas. Ademais, a OPE recolle que das 50 prazas de profesorado titular, 20 resérvanse para persoal investigador doutor que conte co certificado R3 de conformidade co artigo 22.3 da Ley de la Ciencia, ou teña superado unha avaliación equivalente á do Programa de Incentivación de la Incorporación e Intensificación de la Actividad Investigadora (I3). A OPE foi aprobada por 34 votos a favor, 0 en contra e dúas abstencións.

Por outra banda, a vicerreitora tamén presentou para a súa aprobación a selección de áreas de coñecemento para as 16 prazas de catedrático e sete de profesorado titular pendentes de executar e correspondentes á oferta de emprego do ano 2022. No que atinxe ás prazas de titular as prazas corresponderán ás áreas de Antropoloxía social; Didáctica da expresión corporal; Economía financeira e contabilidade; Filoloxías galega e portuguesa; Prehistoria; Produción vexetal e Química física. No que atinxe ás listaxe de acreditados a catedrático, as 16 prazas corresponderanse ás areas de Comercialización e investigación de mercados; Dereito financeiro tributario; Enxeñaría de sistemas e automática; Enxeñaría telemática; Enxeñaría química; Estratigrafía; Física da terra; Fisioloxía; Linguaxes e sistemas informáticos; Literatura española; Mecánica de fluídos; Óptica e Xornalismo.