O GALP da Ría de Vigo-A Guarda escolleu a Casa da Cultura de Riomaior, no concello de Vilaboa, para concentrar nunha xornada un denso programa de distintas temáticas.
Tras o saúdo de benvida do anfitrión, César Poza, alcalde de Vilaboa, tomou a palabra o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, para facer unha descrición da importancia do traballo dos GALP galegos, “os máis activos da península”. Unha actividade que mesmo esperta interese fóra das nosas fronteiras. Na xornada de mañá estivo reunido cunha embaixada da Bretaña francesa, encabezada polo seu vicepresidente de mar e litoral, Daniel Cuell, quen mostrou interese polo traballo dos grupos de pesca galegos.
Alfonso Villares estivo acompañado polo alcalde de Vilaboa, por Carmen Gallego, vicepresidenta do GALP; Joaquín López, concelleiro de pesca de Baiona; e por Elena Herbello, xerente do GALP.
Tras as presentacións iniciais, chegou a quenda da firma do convenio con CaixaBank. José Rodríguez asinou o acordo representando a AgroBank, a conta para empresas e traballadores do sector agroalimentario de CaixaBank. O convenio consiste na oferta dunhas condicións vantaxosas para os promotores: un crédito ponte que favorece o avance dos proxectos ata a chegada da subvención definitiva.
Tras o convenio de CaixaBank, Marta Sierra, asesora da oficina ES.MAR en Vigo, presentou esta nova entidade, que, entre outros obxectivos, tamén colabora co asesoramento para a obtención de subvencións dos Fondos Europeos FEMPA e outro tipo de axudas. A Consellería do Mar abriu oficinas ES.MAR en Viveiro, Ferrol, Coruña, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo para axudar ao desenvolvemento do sector pesqueiro.
Chegou a quenda para presentar os últimos 4 proxectos, resultado da última convocatoria do 2024. Mostrouse un vídeo resumen dos proxectos e os seus promotores pronunciaron unhas palabras e mostráronse colaboradores co público para animalos e aconsellarlles na presentación de proxectos.
Para falar da Festa A Recalada estivo presente o concelleiro de Soutomaior, Diego Moreira, quen valorou a axuda do GALP para dotar de entidade a unha festa que é unha resposta á esencia mariñeira e pescadora do seu concello. Unha festa que lembra a chegada dos barcos a portos e que está destinada a converterse nunha cita clásica dentro da actividade lúdica da Ría de Vigo.
A continuación chegou a quenda de Emilio Sánchez, presidente do Círculo Cultural Recreativo de Chapela (Redondela), quen falou de “Muller, cultura e mar”. Trátase dun interesante proxecto con 4 piares fundamentais: a eficiencia enerxética, o coñecemento da contorna, a accesibilidade e o avance en medios dixitais.
A terceira quenda correspondeu á Sociedade Deportiva Samertolameu de Meira, Moaña. A secretaria da entidade, Martina Portela, agradeceu as axudas para un proxecto que lles permitíu impulsar a sección feminina coa compra dunha traiñeira, e que tamén incluíu a adquisición de ergómetros de adestramento, contedores de reciclaxe, equipos informáticos e unha rotulación inclusiva.
Pechou a presentación de proxectos Uxía Vázquez, vicepresidenta de Cemmar, institución responsable da asistencia aos varamentos na costa galega, da xestión do banco de mostras destas especies, da recuperación de animais feridos e do estudo poboacional. Grazas a loa fondos europeos, esta entidade con sede en Nigrán puido reorganizar o seu arquivo fotográfico e mellorar a súa dotación de medios para a rede de varamentos.
Para finalizar a intensa xornada, antes da degustación de produtos do mar, tomou a palabra a xerente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, Elena Herbello, para lembrar que ata o día 21 de marzo está aberta unha nova convocatoria de axudas, animando aos asistentes para presentar proxectos ante a súa entidade, xa que se son adecuados á estratexia do GALP poden recibir fondos europeos, que nalgúns casos do sector pesqueiro abarcan o 100% do investimento. As oficinas do GALP Ría de Vigo – A Guarda están abertas para informar e asesorar sobre estas cuestións na Avenida de Beiramar, 49, Vigo. Teléfono: 986 358 109 / 646 873 106. E-mail: galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal

