A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), recoñece a actividade do centro de ensino CPR  Montesol, de Vigo, a  prol da doazón. Con tal motivo, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, entregou, esta mañá, un agasallo conmemorativo á responsable da acción formativa, Cristina Díaz Prego. No acto estivo presente, así mesmo, a directora de ADOS, Marísa López García.

ADOS, que vén traballando, dende hai anos, na sensibilización da poboación escolar  fronte á doazón dende as idades máis temperás, quere recoñecer con este galardón a mellor iniciativa espontánea no ámbito da educación.

O proxecto galardoado consiste nunha escultura elaborada con materiais de refugallo e que representa un ril. Este proxecto trata de destacar as función do órgano que é protagonista  do  maior número de  intervencións de  transplante  na  nosa Comunidade, e, polo tanto, do que máis doazóns se precisa. O centro galardoado participou, nos últimos cinco anos, no Plan Proxecta co obxectivo de integrar , na  súa programación anual, a temática da doazón de sangue, órganos e  tecidos, creando  unha  rede de traballo colaborativa e interdisciplinar, e xerando, en definitiva, unha cultura proclive a doazón.