O Concello valida unha urbanización en Bouzas con 27 vivendas e unha praza pública

Urbanismo aproba definitivamente o proxecto para actuar nun ámbito de preto de 3.000 metros cadrados localizado entre as rúas Tomás Alonso e Covadonga

O Concello de Vigo validou hoxe unha urbanización en Bouzas con 27 vivendas e unha praza pública. Segúndo aprobou Urbanismo, o proxecto para actuar comprende un ámbito de preto de 3.000 metros cadrados localizado entre as rúas Tomás Alonso e Covadonga. A promoción privada contempla erixir cinco bloques cunha praza interior de 1.500 m2, con opción a construír un estacionamento público soterrado.

Trátase dunha “aprobación moi importante” que abre a porta a “resolver parte da carencia de aparcamentos que hai neste momento en Bouzas”, afirmou o alcalde, Abel Caballero. O proxecto de urbanización do polígono VI do PEPRI de Bouzas foi ratificado definitivamente este martes pola Xerencia de Urbanismo, un desenvolvemento que posibilita a construción dun estacionamento público subterráneo, por exemplo, en réxime de concesión.

O ámbito localízase nunha parcela de case 3.000 metros cadrados de superficie total moi próximos ao mercado de Bouzas, concretamente entre as rúas Tomás Alonso e Covadonga. Alí, a promotora proxecta edificar cinco bloques de baixo e ata tres alturas que albergarán un total de 27 pisos e un inmoble para uso cultural.

Precisamente este edificio de 136 metros cadrados para equipamento cultural e catro das vivendas serán de titularidade municipal cando conclúan as obras, tal e como explicou o alcalde. Ademais, Caballero trasladou que a cidade gañará unha praza pública duns 1.500 metros cadrados unha vez se complete a urbanización da parcela, con espazos pavimentados e axardinados.