O Concello aceptou a doazón de terreos do Colexio Mariano, que permitirá ampliar a rúa Talude en case que dous metros
A cidade reserva 750.000 euros para a humanización da vía e construción de escaleiras mecánicas
A Xunta de Goberno Local aceptou a doazón do solo por parte da Congregación das Franciscanas, trasladou este martes Abel Caballero, espazo correspondente ao Colexio Mariano que permitirá ensanchar a rúa Talude en case que dous metros unha vez sexa humanizada.
“Era importante ter unha doazón de solo para poder ampliar a rúa Talude, que salva un importantísimo desnivel, como o seu nome indica; necesitamos ampliala un pouco e o colexio nos cede unha parte do seu espazo”, valorou o rexedor vigués, quen recoñeceu publicamente a cesión.
Unha vez recibido o terreo, o goberno de Vigo está en condicións de aprobar o proxecto de remodelación e construción dunhas escaleiras mecánicas na rúa Talude, que conecta Urzáiz con San Roque e a parte alta da rúa Colombia. Ao efecto, o Concello reserva 750.000 euros e, tal e como adiantou o alcalde, presentará ante Europa este novo proxecto do “Vigo Vertical” para a obtención de fondos da Unión.

