O Concello renova o peche frontal do parque de Castrelos con 18.000 euros

Xunto a membros do seu goberno, o alcalde desprazouse este venres ata a Avenida de Castrelos para comprobar o resultado da reparación do enreixado do parque, reparado ou substituído ao longo dos 320 metros de frontal

Ademais, o Concello prepara a mellora da iluminación do parque, por 600.000 euros

O peche metálico do parque ao longo da Avenida de Castrelos loce completamente renovado logo da reparación efectuada polo Concello de Vigo, á que adicou 18.000 euros. Caballero comprobou este venres in situ o resultado dos traballos realizados en 320 metros de enreixado, arranxando as zonas útiles e tendo que substituír uns 70 metros por risco de caída, respectando o deseño existente.

Os traballos alongáronse durante dous meses, tempo no que se retiraron os tramos de enreixado en mal estado e fabricouse a reprodución dos novos elementos a instalar, seguindo o modelo existente, e reparouse e pintouse o resto do enreixado. O alcalde amosouse satisfeito co resultado e animou á cidadanía viguesa a achegarse a coñecelo.

“O de Castrelos é o parque Ben de Interese Cultural máis importante de Galicia”, subliñou Abel Caballero en declaracións posteriores en rolda de prensa, quen recordou que o goberno que dirixe ten en marcha a renovación da iluminación do parque, cun orzamento de 600.000 euros.