O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana resolveu favorablemente ao proxecto presentado polo goberno local e adxudica a Vigo 1,5 millóns para a rehabilitación do pazo situado en Sárdoma
Abel Caballero informou que o Goberno de España adxudicará 1,5 millóns para a rehabilitación do Pazo da Raposeira, proxecto presentado á convocatoria do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta cantidade corresponde ao 100% do solicitado para o programa de axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública financiado cos fondos europeos Next Generation EU.
Na edificación de San Pedro de Sárdoma -que vai ter uso cidadán- está previsto actuar no edificio e na finca, cun orzamento de 1,9 millóns. Realizarase unha reparación a fondo do inmoble, cunha rehabilitación integral do interior, reorganizando os espazos para dotalos de novas superficies e comunicacións. Na finca, vanse recuperar os xardíns de trazado francés, o xardín da horta e as especies arbóreas da zona.

