O Concello reformula “No Nadal… Un conto” para chegar ás casas dos máis pequenos

As accións colgaranse na web municipal, no apartado do servizo de Normalización Lingüística (snl.vigo.org) o próximo martes 22.

Por mor do Covid, os contos, concertos e contadas deste ano pasarán a emitirse de forma telemática

O próximo martes, 22 de decembro, a web municipal ofrecerá as propostas dunha quincena de artistas para familias e nenos

O goberno de Vigo redefine a iniciativa infantil «No Nadal… Un conto» para sortear a pandemia. As actividades se emitirán este ano online, no canto do formato presencial habitual, para manter unha proposta que busca achegar aos nenos e nenas os contos, concertos e contadas en lingua galega.

O Concello colgará todas as accións na web municipal (no apartado do servizo de Normalización Lingüística: snl.vigo.org) o próximo martes, 22 de decembro, para que quen o desexe poida seguilas de forma telemática. Os espectáculos durarán entre vinte e corenta minutos e abarcarán distintos ámbitos, desde os concertos de creación propia ou unha actuación con baile guiado, ata contos con música ou en verso.

A falta dos detalles, que se anunciarán en próximos días, o cartel estará composto por un total de quince artistas: Pakolas, Pablo Díaz, Música Miúda, Cris de Caldas, Nanda, Barafunda, Esperanza Mara, Servando Barreiro, Miguel Anxo, Carme Domech, Yolanda Castaño, As Maimiñas, Bea Campos, Silva Penas e Susana, e María Canosa.