O Concello recoñece o valor de catro proxectos nos I Premios VigoEmprende

O alcalde participou no acto de entrega dos galardóns na primeira edición do certame que premia o talento do emprendemento vigués dentro do programa municipal de asesoramento e apoio no que o Concello investiu 300.000 euros en tres anos

Abel Caballero destacou a “exposición brillante dos catro proxectos, con contidos e solidamente ancorados; unha mostra do emprendemento na cidade”, xa que, incidiu, “a economía de Vigo funciona arredor do emprendemento”.

O programa VigoEmprende é un servizo establecido polo Concello para asesorar e formar a emprendedores e PEMES prestándolles apoio nos primeiros pasos da creación da súa empresa ou apoiándoos a impulsar o seu proxecto con asesoramentos individuais e talleres formativos.

O alcalde explicou que o orzamento do servizo acadou os 300.000 euros en tres anos nos que se asesorou a 650 proxectos con case 4.000 atencións realizadas. Cada mes, 30 novos usuarios foron sumándose ao programa, salientando de forma significativa a participación feminina que acada o 60% do total. Estes proxectos xeraron arredor de 200 empregos na cidade e nun número elevado de casos, o emprendemento partiu de persoas en situación de desemprego. VigoEmprende desenvolveu 59 talleres formativos de diferentes temáticas: marketing, fiscalidade, finanzas ou estratexia, entre outros.

No acto celebrado este luns nas instalacións municipais, foron premiados catro proxectos: MVICO Experience, creada por Daniel e Gabriel Martínez para potenciar a cidade a través do turismo e fomento do deporte con alugueiro de bicicletas; Con Xeito Sexoloxía, creado por Erea Devesa, profesora e pedagoga que impulsa proxectos de igualdade en colexios e institutos; Iniqual, de Cayetana de Osamiz e Alejandro Sierra, un proxecto para romper estereotipos de xénero a través da súa marca de roupa; e Salma, liderado por Marta Fernández, Andrea Rial e Vivian Monroy que crearon un centro médico estético especializado en saúde dermatolóxica, facial e medicina estética.