O Concello programa dous ciclos musicais en Toralla e Villa Solita este verán

Villa Solita, en Alcabre.

Se retoma a acción cultural e divulgativa nestes espazos coas limitacións precisas para garantir as condicións sanitarias

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a adxudicación do contrato dos servizos de divulgación dos xacementos arqueolóxicos do Castro, Toralla e a edificación de Villa Solita, dependentes de Patrimonio Histórico que ten un importe de 76.000 euros durante tres anos. A empresa propón 50 horas anuais de apertura dos tres espazos a maiores sen custo para o Concello.

O alcalde avanzou a programación musical que encherá Toralla e Villa Solita este verán cun ciclo de concertos como parte da actividade de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico. Serán con aforo limitado para cumprir as medidas sanitarias e o distanciamento social que tamén impiden a celebración das recreacións históricas como se viñan facendo en anos anteriores.

O Centro de Interpretación do Mundo Romano de Toralla acollerá 4 concertos de música clásica, tódolos xoves do mes de agosto, entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Orquestra Vigo 430 ofrecerá a súa música o 6 e 13 de agosto e a Orquesta Clásica de Vigo, o 20 e 27 de agosto. O aforo está limitado a 150 persoas e o público será recibido e guiado por actores ataviados de época ata a zona do espectáculo.

En Finca Solita haberá concertos tódolos venres de agosto e a primeira semana de setembro, entre as 20:30 e as 21:30 horas, cun aforo máximo de 50 persoas. O programa inclúe concertos de María Solita, no que a guitarrista e cantante María Villanueva ofrecerá un recital baseado no seu disco “María Solita”; o fagotista Gonzalo Lemos; o artista local Brais Calle, que ofrecerá unha proposta adaptando a obra de Bach para interpretar con percusión; a violonchelista Margarida Mariño; Marimba Shadow, percusión; e o guitarrista Miguel Fraile.

1,2 millóns de euros para instalacións deportivas

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación dos servizos de apertura, control de información, manexo de equipamento e peche de instalacións deportivas municipais por un importe de 1,2 millóns de euros nos próximos tres anos.

Na sesión celebrada este venres quedou aprobada tamén a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra as resolucións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que obriga ao Concello a aboar unha parte dos centros de día que a Xunta ten na cidade: Teis, Coia e Valadares dos exercicios 2018, 2019 e do primeiro semestre de 2020. Segundo expuxo o rexedor, a cantidade reclamada ascende a 824.900 euros que “Vigo paga sendo unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia que obriga aos municipios a pagar por unha competencia que non é súa. É unha abuso da capacidade lexislativa do goberno autonómico”.

A Xunta de Goberno deu luz verde tamén á reanudación da execución do contrato de xestión das Escolas Infantís Municipais de Tomás Alonso, Bouzas, Santa Cristina-Lavadores, Costeira-Saians, Navia, Mestres Goldar-Castrelos, Santa Marta-Casco Vello e Atalaia-Teis- Comezarán así a preparar o próximo curso nos centros aínda que non se retoman os contratos das prestacións de alimentación, que teñen data de reinicio para o 1 de setembro.

1 COMENTARIO

  1. Sumando os dous lugares non alcanza para 200 persoas (?) Festas ou Recepcións do Concello (?)

    Onde se poden atopar ENTRADAS para tales eventos (?) Haberá que pagar ou serán de balde (?)

    Calquera que intente conseguir unha entrada no Auditorio Mar de Vigo deberá falar antes co alcalde ou pode chegar antes de que se esgoten as localidades (?)

    Festas Privadas pagadas cos cartos de TODAS !

    E a culpa será tamén do COVID (porque antes do covid xa pasaba o mesmo) !

Los comentarios están cerrados.