O Concello prevé iniciar a obra do ascensor HALO no mes de xullo cun presuposto que incrementa ata os 12,6 millóns de euros

Abel Caballero informou do avance na tramitación do proxecto construtivo do ascensor entre García Barbón e Vía Norte, que sairá a licitación por 12,6 millóns de euros, o que supón un incremento do orzamento dada a alza das materias primas e os custos de construción

“É unha das grandes obras da historia da cidade e constituirase na icona máis importante de Vigo pola utilización e polo significado técnico e escultórico”, apuntou o rexedor, xa que permitirá poñer en contacto dúas zonas e entre 30, 40 e 50.000 habitantes e “que vai ter unha mobilidade extraordinaria de ducias de miles de persoas” ao comunicar García Barbón e Vía Norte “en dous minutos”.

En rolda de prensa, Caballero explicou que o proxecto do ascensor HALO saíu dun concurso público de ideas cun orzamento “moi estimativo non baseado no proxecto”. Desde entón, o goberno municipal elaborou o proxecto cun orzamento definitivo “nun contexto de incremento moi importante do custo das materias primas e dos custos de construción. O aceiro e o vidro subiron de forma moi moi importante e unha parte central do ascensor ten que ver con estes materiais”, sinalou. Así, a obra sairá a licitación cun presuposto aproximado de 12,6 millóns de euros, incrementándose o previsto inicialmente.

O alcalde deu conta dos avances na construción do ascensor HALO “moi complexo, moi difícil e de gran importancia”. O Concello dispón xa da autorización sectorial de ADIF e contará “de forma inmediata” coa autorización do Ministerio de Transportes.

A tramitación iniciarase neste mes de febreiro coa aprobación do proxecto construtivo, contando xa con parte da documentación para poder licitar a obra con celeridade, unha vez aprobado o proxecto.

Queremos empezar no mes de xullo, é complexa, faise cun contrato harmonizado, que se publica en boletíns europeos e ten un período de recurso especial”, o que significa que unha vez adxudicada cómpre esperar 15 días para a firma do contrato, e ten un prazo de execución de 12 meses.