Domingo Villar permanecerá “para sempre” na memoria dos vigueses non só polas súas creacións literarias senón coa escultura que lle representa lendo sentado nun banco da Alameda de Vigo. “Domingo era Vigo, non só era de Vigo, era Vigo”, asegurou Abel Caballero
O alcalde de Vigo recalcou hoxe, ante a primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, e a familia do desaparecido Domingo Villar, que participaron no acto de inauguración da escultura que o representa sentado lendo nun banco da Praza de Compostela, que o escritor foi “a crónica dun éxito excepcional”.
Caballero lembrou a transcendencia da Alameda de Vigo na existencia e historia persoal de Villar. “Vivir nesta alameda é vivir no mar, porque isto era o mar e é un privilexio que Domingo coñecía e gozaba”. O alcalde retratou ao literato como “unha persoa marabillosa, amigo dos seus amigos, cunha alma inmensa, e moi xeneroso polo apoio prestado a quen, como el, querían ser escritores como Pedro Feijóo”.
Pedro Dobao, autor da escultura, recibiu a felicitación do rexedor pola obra que inmortaliza a presenza de Domingo Villar en Vigo. “Domingo para sempre permanecerá como unha parte da historia da cidade”, afirmou Caballero ao asegurar que a inauguración da escultura “é un gran momento porque Villar está aquí para sempre, na súa cidade”.
A familia do escritor agradeceu ao Concello a escultura que fai posible que Domingo Villar permaneza para sempre na memoria e recordo dos vigueses de presentes e futuras xeracións.

