O Concello organiza viaxes pola ría para 2.600 maiores dentro do programa «Vigo, cidade amiga dos maiores»

Abel Caballero explicou hoxe que o Concello volve poñer ao dispor das persoas maiores interesadas en realizar unha viaxe pola ría de Vigo, incluída no programa municipal de “Avellentamento Activo”, un total de 2.600 prazas, que están distribuídas en 49 navegacións nas que os participantes poden coñecer a riqueza do medio mariño.

O Concello organiza as viaxes durante os meses de maio, xuño e xullo, de forma totalmente gratuíta, segundo lembrou o alcalde. En cada viaxe participan 51 persoas, ademais hai tres prazas para persoas con mobilidade reducida que se desprazan en cadeiras de rodas.

O rexedor explicou que o barco “Nautilus” conta cun dron submarino que proxecta o fondo da ría nunha pantalla. “Poñemos ao dispor da xente maior a ría de Vigo enteira, e o fondo total da ría. Non só un cristal pegado a un peirao, é o fondo navegando e podéndoo ver a través dun dron que o proxecta de forma extraordinaria”, recalcou.

Caballero lembrou que a través do programa “Vigo, Cidade Amiga dos maiores” o Concello pon ao dispor das persoas  interesadas un total de 7.000 prazas en talleres, situados en 40 localizacións distintas, para realizar distintas actividades centradas en mellorar a calidade de vida e contribuír a hábitos de vida máis saudables.

A esta iniciativa, a administración municipal de Vigo destina preto dun cuarto de millón de euros, segundo incidiu o rexedor ao trasladar o “gran interese” do goberno municipal na calidade de vida e nos hábitos de vida da xente maior.

Cada semana ábrese o prazo para anotarse a unha das viaxes da semana seguinte. Os interesados poden chamar aos números 600854260 e 649493797, da adxudicataria «Ocean Secrets», ou a través do servizo de información 010.