Abel Caballero percorre o último tramo do paseo de Bouzas, próximo á Igrexa, que foi remodelado polo goberno municipal e avanzou que a previsión é completalo con máis obras na zona náutica
Abel Caballero e os concelleiros de Urbanismo, Contratación e de Fomento, María Xosé Caride, Patricia Rodríguez e Javier Pardo, percorreron este martes o último tramo do paseo de Bouzas, próximo á Igrexa, que foi remodelado polo goberno municipal cun investimento de 3,6 millones. Neste sentido, avanzou que a previsión é completalo con máis obras na zona náutica.
O alcalde anunciou que o modelo de rehablitación do paseo de Bouzas aplicado na zona próxima á fachada de vivendas será trasladado a zona da área náutica. «Seguiremos facendo melloras na plataforma marítimo-terrestre», indicou ao adiantar que «imos cambiar obras» realizadas por anteriores gobernos municipais nesta zona por entender que se trata dun «modelo superado». Para Abel Caballero é remarcable a recuperación do areal e o cambio que dá lugar a «gozar dunha praia urbana nova».
Abel Caballero explicou que un paseo antes «complicado e difícil» de transitar foi transformado nunha zona amable, onde se combina o deporte, o lecer, así como o goce da natureza. Coa remodelación foron eliminadas todas as barreiras arquitectónicas e ampliáronse nun 63 por cento as zonas axardinadas. Ademais, instalouse mobiliario urbano de última xeración, con códigos QR que ao activalos permiten o acceso a distintas informacións sobre Bouzas. Entre as melloras figura a bancada de 250 metros que dá acceso á praia, instaláronse bancos con cargadores para móbiles, así como con tumbonas, fontes, aparcabicis e dispensadores de bolsas para mascotas, entre outros servizos.
Caballero sinalou que se retirarán as pedras da parte posterior da praia para seguir mellorando a contorna natural.

