A actuación contempla a mellora das conexións entre os espazos interiores do parque coa rúa Teixugueiras, a implantación de xardinería e arborado, a reordenación do parque por zonas
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a contratación da primeira fase das obras de mellora integral, novo arborado e mobiliario no parque de Navia que será “para todo Vigo”.
Tal e como recolle a memoria do proxecto, a actuación contempla a mellora das conexións entre os espazos interiores do parque coa rúa Teixugueiras, a implantación de xardinería e arborado, a reordenación do parque por zonas: auditorio ao aire libre, xogos de Teqball, zona canina, labirinto vexetal, zonas de relax e lectura, zonas de esculturas; a renovación da rede de rega e a instalación de novo mobiliario urbano.
O alcalde Abel Caballero informou do trámite en rolda de prensa e avanzou que o obxectivo é “recuperar o parque con criterios de integración na contorna urbana” desde un punto de vista paisaxístico e modificando a súa configuración para mellorar o aproveitamento dos espazos. Cun investimento de 1,5 millóns de euros, o renovado parque de Navia será “para todo Vigo” e sumarase á oferta de espazo natural e de esparexemento do parque de Castrelos.

