O Concello inicia este mércores as visitas teatralizadas ao cemiterio de Pereiró

Cementerio de Pereiró.

Os percorridos, guiados polas personaxes de Concepción Arenal, Irene de Ceballos ou “Cachamuíña”, son gratuítos previa inscrición e con aforo limitado

O goberno de Vigo programa un total de vinte catro xornadas, desde hoxe mércores ata o 15 de novembro

O goberno de Vigo retoma este mércores as visitas teatralizadas ao cemiterio municipal de Pereiró, cun formato similar ao de anos anteriores, con actores e actrices caracterizados como Concepción Arenal, Irene de Ceballos ou Bernardo González del Valle, “Cachamuíña”, guiando aos asistentes pola historia e a arquitectura do camposanto vigués.

As prazas para as visitas desta semana, desde o mércores ata o domingo incluído, xa están cubertas. Este ano, pola Covid-19, a administración local viguesa decidiu limitar o aforo, ofertando 21 prazas en cada visita guiada. Ademais, será obrigatorio manter a distancia e o uso da máscara facial, así como o cumprimento do resto da normativa relativa ao coronavirus.

O Concello programa vinte catro visitas, todas de hora e media de duración estimada e inicio ás 19 horas. A primeira, este mércores, 14 de outubro, e continúan os días 15, 16, 17, 18, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28 e 29 deste mes e no 4, 5, 6, 7, 8, 11, 12, 13, 14 e 15 de novembro.

Tamén por mor da pandemia, os interesados en anotarse deberán facelo por vía telemática, a través da web de Turismo de Vigo. A inscrición será individual, para maiores de idade e achegando nome completo, DNI, correo e teléfono; unha vez realizada, o interesado recibirá un correo de confirmación e, no caso de esgotarse as vacantes do día, abrirase unha lista de agarda co mesmo procedemento de rexistro.

Cada luns ás 9 horas se abre o prazo de inscrición para as visitas da semana, de tal forma que o próximo luns, 19 de outubro, será posible apuntarse a algunha das xornadas da vindeira semana, desde o mércores 21 ata o domingo 25. Para aclarar dúbidas ou ampliar información, o Concello dispón o teléfono 986224757 ou o correo electrónico turismodevigo@vigo.org.