Este mércores tivo lugar o acto simbólico de colocación da primeira pedra da remodelación dunha nova fase da avenida, desta volta desde a unión con Rosalía de Castro ata a rotonda de Isaac Peral, cun orzamento de 2,2 millóns
O alcalde adiantou que o goberno de Vigo continuará a reforma ata Sanjurjo Badía “inmediatamente despois”, completando así a humanización de García Barbón
O Concello reserva 2,2 millóns para unha humanización que se alongará durante un prazo estimado de oito meses, segundo explicou Caballero en rolda de prensa posterior, onde explicou que a obra prolongará o modelo xa aplicado no resto da Avenida: máis espazo para os peóns, con beirarrúas máis amplas e de granito, arborado e xardineiras, novo mobiliario urbano, iluminación LED e novas redes de saneamento, pluviais, abastecemento e rego. Ademais, segundo detallou, o goberno vigués aproveitará este proxecto para actuar sobre a zona verde de María Xosé Queizán e nos primeiros tramos das escaleiras da rúa Callao.

