A nova actuación conta cun orzamento de 700.000 euros e consistirá nunha escaleira mecánica que comunicará a rúa Urzaiz coa zona de San Roque e Couto, ademais de dar servizo de acceso ao alumnado do Colexio Mariano
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou este luns o inicio dos traballos na rúa Talude para a construción dunha nova escaleira mecánica dentro do programa Vigo Vertical, con financiamento de fondos europeos Feder da estratexia Edusi.
O rexedor, que realizou un percorrido polas vellas escaleiras, onde xa comenzaron as catas técnicas para o desenrolo da actuación, sinalou que o desnivel da zona é de 8 metros, cunha pendente do 45%. “Son moi verticais e complexas, polo que construiremos unha escaleira mecánica e humanizaremos a rúa e a contorna, dando tamén acceso ao Colexio Mariano”, sinalou.
Nos últimos días leváronse a cabo tres catas para estudar a fondo o terreo e decidir o tipo de firme que existe na zona. “As escaleiras están moi deterioradas e imos a cambialas enteiras, ademais de desenrolar dous proxectos paralelos”, apuntou.
Actualmente, en Vigo xa hai en funcionamento sete grandes proxectos de escaleiras e ascensores: Porta do Sol, Camelias, San Salvador, Marqués de Valterra, Parque Cela, Pizarro e Praza de Portugal. O alcalde apuntou que está moi avanzada a obra das ramplas de Gran Vía, que se inaugurarán a finais de outubro, e tamén están en proxecto os novos ascensores da rúa Juan Ramón Jiménez, García Barbón co Centro Vialia, Praza da Estación con Vía Norte e rampla do Centro de Saúde de Teis.
“Temos en funcionamento ou en proxecto doce grandes actuacións de Vigo Vertical e teremos outro número similar para facer en este mandato, en tres anos”, sinalou.

