Caballero participou esta mañá no acto simbólico de colocación da primeira pedra da obra de rexeneración do Paseo que ten un orzamento de licitación de 3,7 millóns de euros
O Concello inicia a humanización do Paseo “para que Bouzas dea a volta e mire ao mar”. “A obra máis importante que se fixo en Bouzas na historia; o obxectivo é que Bouzas dea a volta e mire ao mar”, sinalou Caballero en rolda de prensa logo de colocar a primeira pedra da obra de rexeneración do paseo da fronte marítima. “Imos cambiar o concepto da zona: é zona de praia e volcaremos a cidade ata a parte lateral con contido e presenza do natural, resaltando o paseo, o areal e integrando o espazo amable coa estrutura xa construída na zona”, explicou.
Cun orzamento de licitación de 3.758.000 euros euros e un prazo de execución de 12 meses para unha superficie de 7.800 metros cadrados e medio quilómetro de longo, comprenderá o tramo que vai desde a igrexa de Bouzas ata a ponte da VG-20.
Segundo informou o rexedor, a actuación municipal inclúe a rehabilitación de toda a superficie do paseo de madeira que quedará formando un paseo brando, haberá tres zonas de escaleiras de acceso á praia, cinco grandes zonas de hostalería compatibles coa baixada ao areal e, na zona onde estaba o paseo de madeira voladizo, haberá bancadas de acceso ao mar que permitirán tomar o sol nelas. O alcalde apuntou que se trata dun “modo de praia urbana que permite chegar ao mar”, cando o antigo xeraba unha zona de praia marxinal. Agora, “queremos que se vexa o paseo e o mar, con 250 metros de zona de gradas, a outra zona terá tres partes de escaleiras”.
Ademais, o paseo combinará a madeira con zonas axardinadas que medran case o dobre, pasando dos 1.600 metros cadrados actuais a 2.500 con plantación de especies autóctonas de arborado, arbustiva e herbáceas propias da contorna litoral. No mobiliario urbano haberá zona de información con paneis modernos explicativos.

