O Concello humanizará a contorna de Balaídos cun orzamento de 1,8 millóns

Inclúe a renovación do entorno inmediato do estadio, a recuperación do espazo dedicado ao aparcamento para uso peonil, a renovación da rede de drenaxe e saneamento de pluviais para aumentar a súa capacidade, ante as inundacións que se rexistran por fortes choivas

O alcalde avanzou esta mañá a previsión de rematar a humanización da rúa Val Mlñor na zona que circunda ao estadio de Balaídos. O goberno local aprobou un proxecto que conta cun orzamento de 1,8 millóns e unha previsión de execución de seis meses.

Tal e como detallou o rexedor, inclúe a renovación do entorno inmediato do estadio, a recuperación do espazo dedicado ao aparcamento para uso peonil, a renovación da rede de drenaxe e saneamento de pluviais para aumentar a súa capacidade, ante as inundacións que se rexistran por fortes choivas.

Entre as actuacións previstas destaca a execución de firmes e pavimentos convertendo a zona en peonil; reposición da rede de pluviais e colocación de sumidoiros nos desniveis entre o pavimento peonil e o rodado, de xeito que poidan reter auga; instalación de novos tubos de pluviais de maior capacidade; renovación da rede de iluminación; novo mobiliario urbano e un novo photocall con nome do estadio municipal.