O Concello humaniza Julia Minguillón e Vista Alegre

O alcalde participou este mércores no acto simbólico de colocación da primeira pedra das obras de humanización das dúas rúas e apuntou o inicio dos traballos en Hispanidade

Para Abel Caballero a humanización de Julia Minguillón e Vista Alegre é “moi importante” ao transformar a rúa nun espazo propio do “século XXI” e nun prazo de 6 meses conseguirá a renovación da pavimentación, abastecemento, saneamento separativo, unha nova rede de iluminación e de rega, nova xardinería e mobiliario urbano, novos puntos de luz e soterramento da rede eléctrica aérea existente.

As obras inclúen a retirada dun muro en Vista Alegre proxectando un camiño pola marxe esquerda con zona verde a ambos os dous lados co obxectivo de dar continuidade á rúa ata o parque María Xosé Queizán. Precisamente neste paseo, o Concello instalará un panel decorativo con reproducións de cadros da pintora lucense Julia Minguillón.

Amais, o vindeiro luns o goberno municipal colocará a primeira pedra da humanización dun novo tramo da Hispanidade, entre Zamora e Pintor Colmeiro, unha obra cun importe de 771.000 euros e un prazo de execución de 4 meses. As actuacións inclúen a renovación completa da rúa e a retirada do arborado actual, que provoca problemas á veciñanza, e a plantación de novas especies levando as retiradas ao parque das árbores de Navia.