O Concello demolerá en dúas semanas o Camaleón

Hoxe iniciaron os traballos de derrubo da antiga cafetería do paseo de Samil, areal que gañará case 600 metros cadrados de novo espazo verde unha vez conclúa a obra

Unha gran pinza comezou este martes cos traballos de demolición da antiga cafetería El Camaleón, en Samil, obra que se alongará por un prazo aproximado de dúas semanas, segundo os prazos ofrecidos por Caballero. Unha vez desaparecido o edificio, o goberno de Vigo transformará a parcela nunha nova zona verde. O Concello adica preto de 140.000 euros a este contrato.

Abel Caballero achegouse ata o areal vigués para supervisar o inicio do derrubo, xunto aos concelleiros Javier Pardo e Patricia Rodríguez. Os profesionais da empresa adxudicataria trasladaron ao alcalde -segundo el mesmo informou posteriormente en rolda de prensa- que o cemento do inmoble presentaba un deterioro tal que, cando a pinza apertaba a columna, esta se “convertía en area”, polo que consideraron “moi boa” a decisión do demolelo. “Ademais”, engadiu Caballero, “non queremos mamotretos na praia de Samil, queremos que os servizos sexan de madeira, lixeiros, desmontables”.