O Concello de Mos ante a fuga da industria a Portugal

Firmas como Dalot, Ralotrans, PMA Nutrigas, Termojet, Autocares García, Blanco Quintas, Neumáticos Berbés, Grupo Copo, Locatel, Integral Data, ante o incremento de ata un 1200% nos prezos de canon por uso dos terreos por parte da CXMM de Tameiga, xa barallan a súa presenza no país veciño.

«O concello de Mos tiña rexistrada no inventario municipal esta parcela dende o ano 1952 e no Rexistro da Propiedade dende o ano 1955, xestionado a mesma sempre coa premisa de lograr o crecemento e desenvolvemento económico do municipio, facilitando a implantación de empresas que xeraran empregos e oportunidades para os veciños e veciñas de Mos», sinalan dende o Concello.

«A comunidade montes de Tameiga instou ante o xurado provincial de Montes ó recoñecemento de monte Faquiña como terreno veciñal pero esta petición foi desestimada polo Xurado. Sendo ademáis esta decisión parcialmente confirmada polo TSJ de Galicia no ano 1992 ó confirmar a falta de aproveitamento veciñal en toda a superficie de Montefaquiña ocupada por empresas», lembran.

É no ano 2015 tras demanda civil reclamando a titularidade dos terreos que a xustiza estima a  solicitude e declara a propiedade por parte da comunidade de montes de Tameiga. Tralo recoñecemento da súa titularidade, ésta se subroga na posición do Concello, se ben agora a pretensión da Comunidade é establecer un criterio distinto no cálculo do canon a estas empresas que, tal e como sinalan, «supón incrementar nun 1.200% o que tiñan. E ademais aínda que, a proposta inicial foi establecer este criterio con carácter anual, o acordo final da Comunidade fixouse nunha vixencia mensual, argumentando o incremento co prezo de mercado».

Desde o Concello lembran que «a vontade das empresas foi sempre aceptar un incremento proporcionado e razoable pero coa proposta da Comunidade de Montes que postula unhas condicións innegociables moitas sopesan a deslocalización en novos emprazamentos en polígonos do norte de Portugal».

As empresas situadas na actualidade na área industrial de Monte Faquiña xeran emprego de maneira directa a 800 persoas. O seu peso na economía do sur da provincia de Pontevedra foi sempre moi significativa, pero ameaza con producirse unha fuga total de empresas cara a Portugal.

Ferida aberta

A Alcaldesa de Mos quere poñer freo a esta situación, e evitar unha ferida aínda máis profunda ás pemes e ao Concello, que sempre creron no tecido empresarial como fonte de riqueza e desenvolvemento socioeconómico do territorio, tanto pola propia xeración da actividade empresarial como polas melloras implantadas desde as empresas, que repercuten en beneficio dos veciños.

Desde o Concello de Mos, a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, incide na necesidade de coidar de toda a industria mosense, evitando que, «as pemes e empresas de Monte Faquiña sufran de maneira especial o incremento dos canons marcados».

Por iso, convoca a representantes das empresas afectadas, á Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) e portavoces da Corporación Local a unha reunión de traballo, o próximo 15  de setembro de 2021, ás 19.00 horas, nas instalacións da Axencia Local de Colocación, situada en Avda. de Peinador, 39 MOS, co ánimo de buscar solucións e xestionar correctamente os apoios ao mantemento destas empresas, sobre todo tendo en conta que, «canta máis industria se desprace alí, máis pemes verán en Portugal un paraíso empresarial».

«Mos non pode perder capacidade produtiva e para iso debemos ser cada vez máis competitivos e intentar demostrar que convén seguir apostando por Mos como territorio de oportunidades». «Desde o Concello esforzarémonos para canalizar cooperacións e colaboracións, pero sempre pensando na defensa e promoción da industria mosense. Témolo moi claro», conclúe Arévalo