O Concello de Gondomar pon en marcha o programa “Talento Xove 2025” para impulsar o emprego xuvenil

O Concello de Gondomar, en colaboración coa Fundación Impulsarse e coa cofinanciación da Unión Europea, lanza o programa “Talento Xove 2025”, unha iniciativa formativa gratuíta e presencial que busca mellorar a empregabilidade da mocidade do municipio.

Dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos en situación de desemprego e inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, o programa ofrece un itinerario completo que combina formación técnica, competencias dixitais e orientación laboral personalizada.

As sesións desenvolveranse no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) de Gondomar e inclúen dous bloques principais:

  • Formación troncal: Competencias dixitais avanzadas (60 horas)
  • Formación específica: Actividades auxiliares de almacén (90 horas)

Ademais, o alumnado participante contará cunha bolsa de asistencia remunerada, que lles permitirá recibir unha compensación económica durante o período formativo.

O curso comezará a principios de novembro, ofrecendo unha oportunidade para adquirir novas habilidades profesionais e facilitar o acceso ao mercado laboral.

As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo emprego@concellodegondomar.gal

O programa está cofinanciado pola Unión Europea, o Ministerio de Traballo e Economía Social, o SEPE e o Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e conta coa colaboración da Cámara de Comercio de España e das Cámaras de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.