O Concello de Cangas prohibe reservar espazo nas súas praias con parasois ou toallas estiradas na area

A nova ordenanza municipal, aprobada de xeito provisional e para que se abre un periodo de exposición pública dun mes, faculta ao persoal municipal para retirar dos arenais estes artigos en ausencia dos seus donos

O pleno da Corporación de Cangas aprobou de xeito provisional a ordenanza municipal de praias, que o goberno local ten intención de aplicar este verán nos arenais do municipio para garantir unha correcta convivencia entre os usuarios e un total respeto ao medio natural.

Trala aprobación plenaria o documento inicia unha fase de exposición pública dun mes tralo que se procederá a súa aprobación definitiva. O Goberno local consideraba que a Ordenanza Municipal de Uso e Disfrute das Praias de Cangas, aprobada no ano 2009, precisaba a adaptación dalgúns dos seus artigos á realidade actual polo que a principios de marzo remitiu un borrador aos grupos políticos.

A ordenanza aprobada inicialmente incide na regulación da instalación dos chiriguitos de temporada, na hábito de deixar parasois na area para gardar espazos, na presenza de animais nas praias, nas obrigas dos bañistas e na regulación das grelladas e moragas.

Recolle as competencias dos empregados municipais para retirar da area calquer obxeto, parasois e antucas diáfanos nos seus laterais, cando os propietarios estén ausentes e os deixaran na praia para reservar espazo. Farano acompañados pola Policía Local, que levantará a correspondente acta, e depositará os obxectos en dependencias municipais onde poderán ser recollidos polos seus donos previa xustificación da propiedade.

O goberno local quere solventar deste xeito o malestar xeralizado entre os bañistas o pasado verán e garantir o acceso igualitario aos espazos públicos. A actualización da ordenanza regula tamén a ocupación indebida de espazo público por parte das instalacións de tempada ou chiringuitos, que estarán sometidos á autorización do Servizo Provincial de Costas e contempladas no Plan de Explotación de Servizos de Tempada, onde se esquematizará o emprazamento e superficie de ocupación respetando os accesos peonís, escaleiras, postos de salvamento e socorrismo, ramplas, etc.; unha cuestión que tamén deberán respetar hamacas, pedaletas e calquer outro elemento de ocio.

A nova ordenanza inclúe tamén modificación no articulado referido á presenza de animais nos areais, regulando as datas de prohibición (agás en praias que se poidan habilitar como caninas) e ampliandoas nas zonas ambientalmente sensibles pola cría de aves.

En canto ás obrigas dos bañistas a ordenanza inclúe un novo artigo que recolle a prohibición de lanzarse á auga do mar dende as zonas superiores dos cantís, rochas, espigóns, embarcadoiros, plataformas decorativas, zonas sinalizadas onde estea prohibido e, en xeral, calquera outro lugar que supoña un risco para a seguridade das persoas.

No apartado de moragas e grelladas a ordenanza inclúe a prohibición de realizar lume no chan de praias e rochas; o uso de bombonas de gas; os artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de fogos de artificio e cociñar na praia ou realizar catering.

En canto ás moragas da noite do 23 de xuño, deberán ser autorizadas polo Concello de Cangas mediante un procedemento que queda detallado na ordenanza.

No capítulo de infraccións, a nova ordenanza estipula as faltas entre de leves, graves e moi graves mais non toca o reximen de sancións, que varía desde os 30 euros ata os 3.000 en función dos feitos.