O goberno local tramita xa as expropiacións para prolongar esta ruta ata Samil

Xunto a edís do goberno que dirixe, Abel Caballero achegouse este venres ata o cruce de Venezuela coa Gran Vía, onde o Concello vén de rematar co pintado do carril bici. A conexión quedara pendente polo estado de execución da obra das ramplas mecánicas da Gran Vía, que xa permite avanzar e unir os dous tramos da vía ciclista da rúa Venezuela.

Concello e Deputación destinaron máis de cinco millóns de euros ao carril bici, que une Teis coa Avenida de Europa, a través principalmente da Travesía de Vigo, Pizarro, Venezuela, Camelias e a Avenida de Castelao. Ademais do novo espazo para ciclistas, a obra contemplou a instalación de xardineiras, refuxios axardinados para os contedores, novos pasos de peóns e ata douscentos aparcabicis.

Abel Caballero, quen indicou que “o nivel de utilización cada vez crece máis”, puxo énfase nas medidas de seguridade que incorpora o carril bici, como o pintado de cor vermella nas interseccións, o pavimento reforzado de catro capas, sinais horizontais e verticais, 271 semáforos e 1.600 tacos plásticos para separalo do espazo para os vehículos a motor.

O goberno de Vigo traballa para estender o carril bici ata Samil e xa tramita as expropiacións na Avenida de Europa. Ao efecto, con 87 parcelas afectadas, o Concello reserva máis de 800.000 euros e a obra, que será máis ambiciosa pois procura prolongar o bulevar de Coia ata Samil, ten un orzamento superior aos catro millóns de euros.