O Concello convoca o II Concurso de micro curtametraxes “Historias da Reconquista en 90 segundos”

O alcalde presentou este xoves a nova edición do certame que organiza o Concello a través da Vigo Film Office

As persoas interesadas deben enviar as súas creacións, baseadas na Reconquista, cunha duración máxima de 90 segundos

A II edición do Concurso de micro curtametraxes “Vigo en 90 segundos” bota a andar co propósito de “fomentar a creación audiovisual” entre a cidadanía de calquera idade, tal e como apuntou Amaia Mauleón, responsable da Vigo Film Office que acompañou ao rexedor na presentación da nova edición.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Este ano o tema do concurso é a festa da Reconquista, polo que baixo o lema: “Historias da Reconquista de Vigo en 90 segundos”, as persoas participantes poderán inspirarse nos feitos ocorridos en 1809, cando os vigueses expulsaron ao exército francés da cidade, para rodar as súas micro curtametraxes. Os dous únicos requisitos son respectar a temática histórica e que a duración máxima dos vídeos sexa de 90 segundos.

Tal e como explicou Abel Caballero, os vídeos poden ser rodados con calquera tipo de dispositivo, tamén co teléfono móbil, e optarán a 8 premios valorados nun total de 2.500 euros. O prazo de presentación dos vídeos é do 1 ao 30 de abril. Deben enviarse a través da web da Vigo Film Office.

O público poderá votar a través de Instagram os vídeos seleccionados do 1 ao 10 de maio e, co seu voto, elixirán o Premio do Público. Os gañadores do resto de categorías serán elixidos por un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e membros da Vigo Film Office e funcionarios do Concello. Os gañadores coñeceranse o 14 de maio.

Ademais, haberá premios nas seguintes categorías: mellor micro curta dunha escola de audiovisuais, microcurta máis orixinal e mellor microcurta realizada por un menor.

Amaia Mauleón sinalou que a primeira edición do concurso, centrada no Nadal, tivo “moi boa aceptación” e animou á cidadanía a crear vídeos sobre esta festa tan importante.