O Concello contabilizou máis de cinco millóns de persoas na “zona cero” durante o Nadal

Pola zona da Alameda e do árbore do Nadal pasaron 5.127.000 persoas desde o acendido do alumeado ata o pasado domingo, “cifra récord”, en verbas de Caballero. Destes, de fóra chegaron “máis de dous millóns de persoas” a ver as luces de Vigo, “un dato turístico de visitantes inigualable en ningunha cidade do mundo”.

En rolda de prensa, Caballero comunicou que a semana na que Vigo rexistrou máis visitas foi a comprendida entre o 29 de novembro e o 5 de decembro, mentres que a seguinte, do 6 ao 12 de decembro, foi a de máis pernoctacións nos hoteis da cidade.

Precisamente a este respecto, Caballero explicou que Vigo carece de volume hoteleiro para absorber o pico de demanda rexistrada. Con todo, “durmiron en Vigo máis de 400.000 turistas; os outros non puideron durmir en Vigo” e se aloxaron noutros municipios e incluso noutras provincias. “En proporción ao tamaño da cidade, temos o Nadal máis importante do mundo. Eu estou orgulloso”, afirmou o alcalde.

“A emerxencia con tanta forza da pandemia tivo un efecto e houbo cancelacións”, valorou o primeiro edil, “pero aínda así conseguimos este nivel de máis de 400.000 pernoctacións e máis de dous millóns de visitantes e máis de cinco millóns de persoas pasando pola zona do árbore de Nadal e da noria”.

“Estamos diante do fenómeno turístico máis importante que está habendo neste momento en todo este planeta”, engadiu: “Non hai unha aparición dun proxecto turístico que atraia tanta atención como o Nadal de Vigo en ningún sitio”. Abel Caballero continuou valorando a campaña: “Xa encabezamos o concepto Nadal en todo este planeta, e non é unha esaxeración de alcalde de Vigo, xa o encabezamos, a palabra Nadal está unida a Vigo”.

Acto de apagado

Este domingo, 16 de decembro, o alcalde procederá a premer o botón que inicie o apagado da iluminación do Nadal deste ano, desde o centro ata chegar ás 350 rúas que contan coa decoración lumínica. O acto comezará ás 19:30 horas e terá lugar na árbore de Policarpo Sanz. O Concello delimitará un espazo con cincocentas butacas para aqueles que queiran desprazarse e seguilo desde o centro da cidade. Ademais, os que queiran presencialo en streaming poderán facelo a través da web do Concello de Vigo.