O Concello consolida o talude do Pazo de San Roque actuando de forma subsidiaria

O alcalde avanzou que o Concello actuará sobre o talude que está apuntalado por risco de derrubamento entre a Avenida de Madrid e a rúa San Roque

Propiedade de Abanca, está prevista unha actuación municipal subsidiaria valorada en 109.403,49 euros dos que unha parte xa foi transferida pola entidade financeira ás arcas públicas

A Xerencia de urbanismo incoará a semana que vén o expediente de contratación das obras de execución subsidiaria da consolidación do talude no Pazo de San Roque. O Concello xa iniciou unha orde de execución de obras no ano 2918, dado que este desnivel leva varios anos apuntalado por risco de derrubamento. Posteriormente e dada a inacción da propiedade – Abanca –, o Goberno local arrancou co proceso para contratar as obras de xeito subsidiario. O orzamento de licitación é de 109.403,49 euros, dos que unha parte xa foi achegada pola entidade financeira.

Tal e como detallou o rexedor, a previsión de duración das obras é de 2 meses para conseguir, entre outros obxectivos, dotar de seguridade a zona, minimizar os traballos de conservación e mantemento posterior, así como conseguir unha axeitada integración e baixo impacto visual.